DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 6 de maio celebrarán a Xornada nacional de loita

Os Comités opóñense á transformación do CAP no Mestrado de Educación Secundaria

O cambio será efectivo no próximo curso 2009-2010

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 22/04/2009
Os Comités, organización estudantil nacida da unificación dos Comités Abertos de Facultade (CAF) e dos Comités Abertos de Estudantes (CAEF), presentaron este mércores a súa nova campaña en contra do Mestrado de Educación Secundaria que vai a substituír ao actual Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP). Esta organización ve no cambio “un grave retroceso dende o punto de vista dunha universidade pública por ser un elemento excluínte, segregacionista e elitista” que vai a limitar a posibilidade dos estudantes "de encamiñar o seu futuro laboral cada docencia" explicou Iago Gómez, responsable dos Comités no campus.
Un dos motivos que sostén a oposición dos Comités é “o menor número de prazas ofertadas, que non cubre nin un terzo da demanda”. Outras das súas razóns para estar en contra, son a imposibilidade de cursar este mestrado en todos os campus galegos, “xa que só se ofertará en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela”; o aumento da súa duración, “pasando de seis meses a un ano” e o maior custo, “xa que os créditos dos posgraos son máis caros que os dos graos”. Ademais a desaparición do modelo non presencial “imposibilita a súa compatibilidade co traballo ou con outros estudos e os itinerarios propostos non se adaptan ás áreas do coñecemento”.
Como mostra da súa oposición realizaranse, en cada campus galego, pegadas de carteis, repartiranse folletos baixo o lema Que non te capen co mestrado e organizaranse charlas informativas. Ademais “o 6 de maio queda fixado como a Xornada nacional de loita contra o Mestrado de Educación Secundaria na que se celebrarán actos nos sete campus galegos”.

Outras alternativas

Os Comités, no seu momento, xa se opuxeron ao CAP como tal “pero presentamos alternativas concretas como a inclusión dos seus contidos nos planos de estudos como materias optativas ou de libre elección”. Deste xeito, explican, o estudantado xa estaría preparado ao rematar seus estudos para incorporarse en condicións ao mercado laboral e non terían que prolongar máis o seu tempo de aprendizaxe.