Organizan unhas xornadas sobre a situación do galego
Os Comités propoñen ao alumnado “darlle á lingua” nas Xeiras sobre a lingua galega
Do 15 ao 17 de abril no Edificio Miralles
A través de mesas redondas e proxeccións, os Comités da Universidade de Vigo, afondarán durante tres días o vindeiro mes de abril, na situación do galego e a súa implantación en ámbitos como as novas tecnoloxías, a literatura ou os medios de comunicación.
Baixo o título Dálle á lingua, xeiras sobre a lingua galega, a organización estudantil Comités pretende, segundo sinala o su voceiro Iago Varela “demostrar que en galego hai sitio para o cinema, a literatura ou a prensa”. Para iso os días 15,16 e 17 de abril, organizaron na Sala I do Edificio Miralles, un total de 6 mesas redondas e dúas proxeccións, así como un relatorio centrado en experiencias de normalización do galego. Unhas xornadas que segundo Varela “esperamos que sirvan, tamén, para promover o uso do galego, como lingua oficial de Galiza e da Universidade de Vigo”.
A asistencia ás xornadas ten ademais o atractivo para os estudantes da Universidade de Vigo da convalidación dun crédito de libre configuración. A inscrición deberá realizarse enviando un correo electrónico ao enderezo xornadaslingua@gmail.com.
Tecnoloxías, literatura, medios e audiovisual, en galego
As xornadas comezarán o 15 de abril coa proxección do documental Linguas cruzadas, á que seguirá unha mesa redonda co título Bilingüismo ou diglosia? na que participarán as directoras e guionistas do documental, María Yañez e Mónica Ares e Ana Iglesias, autora do libro Falar galego? No veo porqué. A continuación o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Henrique Costas e a concelleira de Normalización do Concello de Vigo, Iolanda Veloso, falarán das súas experiencias sobre normalización do galego. Xa pola tarde as xornadas continuarán con dúas mesas redondas, unha primeira na que Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Xosé Lastra de Nova Escola Galega e Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, abordarán a situación actual do galego. A segunda das mesas redondas na que participarán o director de Vieiros, Ramón Villar; o coordenador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez e Alexandre Prieto de Ciberirmandade da Fala, centrarase na linga e as novas tecnoloxías.A lingua e a literatura e a lingua e os medios, protagonizarán a segunda das xornadas con cadansúa mesa redonda protagonizada polos autores Xabier P.Docampo, Marta Dacosta e María Pilar García Negro no caso da literatura e o delegado de A Nosa Terra, Alfonso Eyré; Iago Martínez, do Xornal de Galicia e Belén Regueira, presentadora da TVG e directora de Extrarradio, no debate sobre medios.
O último día das sesións centrarase no audiovisual. Trala proxección do filme de Antón Dobao, A Mariñeira, o propio director, acompañado do tamén director Ignacio Vilar e o guionista, Carlos Ares, falará sobre o audiovisual en galego.