DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chaman á mobilización este xoves a partir das 11.30 horas en Santiago de Compostela

Os Comités secundan a folga xeral no ensino en contra do decreto do galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Sara Alcázar DUVI 20/01/2010
A maneira de introducir o plurilingüismo no ensino non universitario que defende a Xunta no seu decreto non é compartida por todos. Docentes, forzas políticas e sindicatos contrarios á proposta da Administración participarán na folga xeral do ensino, convocada pola plataforma Queremos Galego este xoves en Santiago de Compostela a partir das 11.30 horas, co fin de manifestar o seu rexeitamento ao texto e en defensa do uso da lingua galega no ámbito educativo . Neste acto tamén estará representada a mocidade universitaria coa participación dos Comités.
Dende o sindicato estudantil fíxose un chamamento ao estudantado galego, segundo eles, "o principal prexudicado á hora de instaurar o proxecto lingüístico nas aulas", para unirse á manifestación deste xoves. O responsable dos Comités en Vigo, Iago Varela, salientou a necesidade de promover e fomentar a presenza do galego no ensino e non permitir a súa redución. “O estudantado non vai ficar calado ante o ataque que a Xunta está a levar a cabo contra o galego” declarou Varela. As actividades previas á folga levadas a cabo polo sindicato estudantil céntranse na repartición de folletos polo campus de Vigo e centros de ensino da cidade, ao tempo que realizan unha tarefa informativa a través da campaña Na defensa do galego, nin un paso atrás!, que a organización leva difundindo dende outubro, aproveitando esta ocasión para darlle un pulo a súa mensaxe de permanencia do galego nas aulas. Segundo Varela, “queremos explicarlle ao estudantado a situación na que nos atopamos”. Dende os Comités confían na efectividade do seu chamamento e esperan unha gran participación na concentración por parte do estudantado. Pola súa banda, a plataforma Queremos Galego porá á disposición dos usuarios interesados en acudir á cita unha flota de autobuses que partirán dende diversos puntos da xeografía galega.

Redución da porcentaxe de galego no ámbito educativo

Segundo os datos proporcionados dende os Comités, coa posta en marcha do decreto reduciríase o uso do galego nas aulas dun 50% a un 30%, ademais de eliminar a obriga de que o alumnado, con carácter xeral, deba utilizar o galego nas materias que se impartan nesta lingua, facendo imposible a adquisición das competencias en lingua galega por parte dos estudantes castelanfalantes.
Esta redución tamén afecta á educación infantil, na que se elimina a obriga do 50% de presenza do galego nos contornos castelán falantes, “polo que na práctica o galego desaparecerá destas aulas” salientou Varela. Mentres, en Primaria o galego deixaría de ser o idioma de docencia de materias como Coñecemento do Medio ou Matemáticas, o que tamén ocorrería na ESO, engadindo Ciencias Sociais. Finalmente, no Bacharelato e na FP a proposta remite a tempos anteriores á Lei de Normalización Lingüística, segundo indica a organización estudantil. “A situación é bastante preocupante pola alarmante perda de galegofalantes e o decreto proposto pola Xunta non fai máis que agudizar esta situación” afirmou o representante dos Comités.
Por outra banda, dende o sindicato estudiantil salientan a dificultade de integrar o trilingüismo nas aulas ante a falta de capacitación do profesorado, polo que non comparten que o inglés desprace á lingua galega, tal e como argumentou o seu representante. “Cada unha das linguas empregaríase por igual, nun 33%. Con esta porcentaxe o galego perde considerablemente a súa presenza ao tempo que é unha cantidade moi elevada para o inglés cando os docentes non teñen ese nivel”.