DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na conferencia celebrada en Vigo

Os decanos de Bioloxía respaldan a adaptación da titulación ao EEES no curso 2009-2010

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/12/2007
Os decanos de Bioloxía reunidos en Vigo durante a fin de semana, acordaron traballar unidos cara á adaptación da titulación ao Espazo Europeo de Educación Superior, ao tempo que demandarán das institucións políticas e académicas a adopción de medidas necesarias para que a reforma da titulación sexa unha realidade no curso 2009-2010.
Precisamente este foi é o prazo maioritariamente respaldado na Conferencia Española de Decanos de Biología para a implantación da nova titulación, unha opción que contaría ademais co respaldo de ata tres comunidades autónomas, tal e como se puxo de manifesto no transcurso do encontro celebrado en Vigo.

Pasos cara á adaptación

Entre os acordos adoptados polos case trinta decanos reunidos na conferencia, destaca o referido á solicitude á ministra de Educación dunha reunión para coñecer a postura do departamento que dirixe Mercedes Cabrera en relación coas directrices da profesión de biólogo e a determinación duns mínimos troncais.
Por parte das universidades, os responsables das facultades de Bioloxía, consideran, segundo afirma o decano da de Vigo, Pedro Pablo Gallego, que “faltan normativas internas e existe a necesidade de definir cuestións substanciais como os calendarios, os créditos ECTS, etc...”.
Na conferencia, segundo Gallego, tamén se puxo de manifesto unha opinión contraria á diversificación dos graos no caso de Bioloxía. “Consideramos que sería un erro esa diversificación. O lóxico sería un único grao e despois especializacións a través dos másters”. En canto a elaboración dos graos, serán as facultades as encargadas de levala a cabo, poñéndose en coñecemento do resto de centros a través dun documento único que se poderá consultar na páxina web da Conferencia Española de Decanos de Biología.
Por outra banda na reunión celebrada na fin de semana, foi ademais, segundo o decano da Facultade de Bioloxía de Vigo, "especialmente significativo que o acento, por primeira vez, se puxese nos alumnos, nos profesionais que temos que formar e que son o elemento central da reforma que estamos a acometer".