O reitor defendeu a liña continuista do programa de goberno
Os desequilibrios de PDI por ámbitos, as promocións e a incorporación de axudantes doutores centran o Claustro sobre política de profesorado
Nós-Universidade denunciou unha política “errática e errada”
Catro horas prolongouse o debate sobre política de profesorado, único punto da orde do día do Claustro celebrado hoxe na UVigo, e no que o equipo de goberno, Nós-Universidade e os e as claustrais en representación de diversos sectores, expresaron o seu apoio ou rexeitamento as accións desenvolvidas neste ámbito polo equipo dirixido por Manuel Reigosa, que convocou o órgano de goberno logo da petición realizada pola formación que lidera a catedrática Coral del Río.
A falta de equilibro no PDI entre os diferentes ámbitos, as promocións, a liberación das bolsas de catedráticos e catedráticas e titulares e a incorporación de axudantes doutores foron as cuestións que centraron un debate, no que tamén estiveron presentes os relevos á frote da Vicerreitoría de Profesorado nos últimos meses, a política de incorporación e estabilización do persoal investigador e as medidas adoptadas para loitar contra os fraudes na publicación de artigos científicos.
A sesión comezou coa intervención do reitor, na que Manuel Reigosa reiterou que “as políticas de profesorado e de PDI seguen a ser as do programa de goberno, non hai mudanza”, dixo, en cuestións como: a redución das horas máximas de docencia para chegar a un máximo de 240 horas; o recoñecemento do dereito a promoción e eliminación de bolsas de acreditados prazas de profesor titular e catedrático; a estabilidade dos criterios de promoción, basicamente antigüidade e acreditación; a promoción do profesorado asociado; o programa de novas prazas de axudante doutor, que “é a ferramenta fundamental para a remuda xeracional”, coa saída de 30 prazas anuais; a desgravación de 10 horas en cada curso académico para persoal de máis de 63 anos; o adianto da remuda xeracional; o pago íntegro de pagas extras e a negociación real da mesa de negociación PDI. Centrándose no momento presente, o reitor sinalou que este ano se produciron retrasos por mor da mudanza de normativas, como a adaptación á LOSU ou o despregue de novas ferramentas, “algunhas que non están a funcionar como esperabamos, erros polos que pido desculpas”, dixo o reitor, que citou dúas novidades introducidas nas liñas mestras iniciais de PDI do equipo de goberno: a medida positiva para acadar igualdade entre homes e mulleres con docencia cero á volta do permiso de maternidade, durante un ano, e 50% de docencia o ano seguinte e a consideración para que computen na saída de prazas de novos criterios que fan que as necesidades que saen nos departamento sexan maiores que co cómputo antigo e que permite recoñecer desgravacións dos últimos cinco anos, “co cal, digamos que xa contabilizamos ese profesorado que leva cinco anos asumindo diferentes cargos. Hai un salto no déficit docente que teñen os departamentos, pero sempre favorable”, explicou o reitor.
Sobre os contratos programa, Reigosa destacou que aínda non están acordados cos departamentos e que pasarán por Consello de Goberno, “a nosa idea é que figuren as prazas xa ofertadas, as do Plan Integra, que onte me comunicaron que mudou o nome e que esperamos ter asinado a próxima semana, e que está financiado integramente polo goberno central e pola Xunta, co compromiso de que esas persoas que se contraten, 64 prazas adicionais, unha vez que rematen non van consumir taxa de reposición, que figurará dentro dos orzamentos da comunidade autónoma e así poidan convertese en profesores titulares ou contratados doutores”. O reitor, que lembrou, que este plan vai dirixido unicamente a aquelas áreas nas que se produce un efecto de maiores necesidade docentes debido a asociados que pasan de dar 180 a 120 horas ou menos, ou axudantes doutores novos que en vez de dar 240 pasan a dar 180, rematou lembrando as diferenzas mantidas coa oposición en cuestións como o programa de promoción de asociados, os criterios de promoción ou o número de promocións a cátedra.
Caos, promesas incumpridas, política non real e despropósitos
O docente e investigador do Departamento de Economía Aplicada José Carlos Álvarez Villamarín definiu como “situación de caos” a producida tras os cambios á fronte da Vicerreitoría de Profesorado nos últimos meses, nun escenario “con directores de departamento tolos sen saber a quen contratar para este curso e dificultades para contratar a quen se quere”. Álvarez Villamarín lamentou o incremento da masa salarial que supoñen 171 novas e novos catedráticos e que cifrou en máis de tres millóns de euros. “Creo que é unha decisión equivocada. Non existe o dereito a ser catedrático, pero aquí os catedráticos teñen o dereito e eu me revelo”, dixo o docente, que criticou duramente a inacción do equipo de goberno para solucionar os desequilibrios de PDI que se producen entre ámbitos. Concretamente referiuse, con datos do curso 2020-2021 ás porcentaxes de PDI por estudante en Ciencias e en Ciencias Sociais e Xurídicas, que se sitúan en 9,6 estudantes por un PDI no primeiro e en 22 estudantes por un PDI no segundo. “O 50 % dos matriculados están en xurídico-social. O desequilibrio é brutal, insoportable e xa non podemos aguantar máis. Temos áreas sobredimesionadas, áreas sobredotadas e seguimos soportando unha situación de superación absoluta”, denunciou o docente.
Pola súa banda, o catedrático do Departamento de Matemática Aplicada II e delegado do reitor na CIUG, Iván Area, referiuse na súa intervención a “promesas incumpridas”, entre as que as que enumerou a finalización dos POD en febreiro, ao tempo que reiterou o envellecemento dalgúns departamentos e instou a, para competir con outras universidades, publicar ofertas atractivas que permitan captar os e as mellores docentes e investigadores, tendo en conta ademais a baixada da natalidade, que repercutirá nuns anos naquelas titulacións que non conten co mellor profesorado.
O catedrático do Departamento do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, Íñigo Cuiñas volveu alertar da existencia de departamentos cun volume de catedráticos “enorme” e nos que non hai posibilidade de incorporar outras figuras de profesorado. A raíz da recente publicación do listado de acreditados e acreditadas, Cuiñas lamentou “que a xente nova estea desmotivada por vir á UVigo porque ve que hai unha porcentaxe enorme de catedráticos e titulares, pero poucos postdoutorais”. Para o catedrático non existe unha política real de profesorado, senón “unha fuxida cara adiante, asimetrías, docencia mal cuberta nalgunhas áreas e criterios pouco definidos”.
En nome de Nós-Universidade, a catedrática do Departamento de Economía Aplicada Coral del Río referiuse á política de profesorado do equipo de goberno como “errática e errada” e mesmo como “un despropósito”, críticas que xustificou baseándose nos cambios á fronte da Vicerreitoría de Profesorado e ao “obxectivo central e único de baleirar as bolsas de acreditados a catedráticos e titulares ‘ipso facto’ e coste o que coste. A bolsa de catedráticos está case baleira e o custo do capítulo 1, disparado”, dixo. Del Río, que tamén lamentou “non ver unha ferramenta para loitar contra cos currículos dopados” e descoñecer o resultado do procedemento aberto a raíz da denuncia aparecida en prensa de supostas prácticas fraudulentas na publicación de artigos por parte de PDI da UVigo, acusou ao equipo de goberno de carecer de política de reequilibrio entre ámbitos, que considera “debe ser un tema central e está ausente”.
Javier Hervés e Juan José López Escobar, en representación do PDI-B, trasladaron ao Claustro as súas demandas en relación sobre a promoción de axudante doutor a profesor contratado doutor, no primeiro caso e sobre a lista de excluídos da bolsa de promoción publicada recentemente e que afecta a 30 persoas que tecnicamente cumprirían os requisitos.
Mentres, o docente e investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática, José Carlos López Ardao sinalou que os votos recibidos polo equipo de goberno avalan a súa medida de baleirar as bolsa de acreditados e se a oposición prefire máis acreditados “esa opción non gañou as eleccións”. Para López Ardao hai novas liñas de política de profesorado que melloran o que había, ao tempo que amosou o seu convencemento de que o profesorado substituto e de agarda vai ir á baixa.
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, amosouse, dixo “un pouco sorprendido” polas reivindicacións manifestadas polo PDI, apoiando a saída das cátedras como un dereito histórico, ao tempo que demandou un recoñecemento para o PAS que traballa co persoal docente e investigador. Mentres, Jaime González, en representación do sector estudantes dixo sentir o estrés e tensión que experimentan docentes con sobrecarga de traballo e solicitou que se axilice a renovación e o relevo e non se recorra á precarización botando man das listas de agarda.
Reunións cos departamentos, Plan Integra e contrato programa
Na súa primeira intervención ante o Claustro, a vicerreitora de Profesorado, Adela Sánchez Moreiras, asegurou ser “súper consciente” dos desequilibrios existentes entre ámbitos, logo de reunirse con 28 departamentos, 10 deles do ámbito Xurídico-Social, que lembrou, que xunto a o Tecnolóxico, son os máis beneficiados polo Plan Integra. A vicerreitora, que asegurou non ter intención de facer ‘borrón e conta nova’, senón coñecer de primeira man as necesidades de cada departamento, reiterou que no caso do Plan Integra é o goberno central o que define os criterios, mentres que no caso do contrato programa, os criterios son aqueles cos que H2040 gañou as eleccións: áreas con déficit docente; con xubilacións que impacten no déficit e as que están implicadas nos novos graos.
Ademais de recoñecer a Javier Hervés que se cometeu un erro “porque as prazas non puideron ser convocadas, porque houbo que refacer a normativa do persoal permanente laboral. Non son prazas convocadas senón aprobadas na oferta pública de emprego”, Sánchez Moreiras defendeu a capacidade da UVigo para atraer talento.
Pola súa banda, e tras repasar as prazas de axudante doutor, catedrático e titular creadas entre os anos 2018 ao 2022, un período no que os custos da política de profesorado situáronse nos sete millóns de euros, o reitor aseguro que se está a cumprir “escrupulosamente” co 15% de persoal investigador que marca a LOU. Reigosa animou ao PDI a seguir publicando “canto máis, mellor e con calidade” e aínda que sinalou que poida haber casos de citacións non correctas ou artigos inventados, lembrou que a UVigo está adherida a CoAra, Coalition for Advancing Research Assessment, que, con máis de 700 entidades presentes, ten como finalidade a avaliación da investigación, o persoal investigador e as organizacións de investigación recoñeza os diversos resultados, prácticas e actividades que maximizan a calidade e o impacto da I+D.
O reitor volveu ter no transcurso do Claustro un emocionado recordo para Manolo Ramos, a quen denominou “un titán”, agradecendo o traballo realizado, así como o dos seus e súas sucesoras no cargo. Para finalizar, Reigosa avanzou a próxima posta en funcionamento dunha nova ferramenta para asistir na elaboración do POD do vindeiro curso, desenvolvida polo ex vicerreitor Martín López Nores, “unha ferramenta web, multiusuario e en tempo real”, detallou o reitor.