"Xornadas Formación Crítica en Educación Medioambiental", en Ciencias da Educación e do Deporte
Os estudantes propoñen unha reflexión sobre a xestión dos recursos naturais e a economía sostible
A inquietude integral pola xestión dos recursos acuíferos e terrestres, por unha nova maneira de construír e por unha economía sostible levou a un grupo de alumnos do campus a organizar as Xornadas de Formación Crítica en Educación Medioambiental que ao longo desta semana se están celebrando na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O programa está formado por conferencias, obradoiros, degustacións e proxección de documentais.
Marc Serra, un dos organizadores desta iniciativa, que conta coa colaboración do Decanato e da Vicerreitoría do campus, explica a importancia das reflexións que achega “en pleno século XXI, coa crise que estamos vivindo” e considera necesario abrir unha nova perspectiva e "que a xente comprenda, por exemplo, a relación entre a alimentación e o medio ambiente”. Precisamente este punto, foi unha das achegas clave do primeiro día das xornadas xa que César Lema, permacultor, doutor en Bioloxía e investigador do grupo do profesor Antonio Palanca no Laboratorio de Anatomía Animal da Universidade, e Antonio Palma, coordinador de PermaCultura en Galicia, abordaron a necesidade de promover un cambio nos sistemas de agricultura para reducir as emisións de dióxido de carbono.
Banca ética
A xornada de hoxe resérvase á reflexión sobre o fenómeno da globalización coa proxección, ás 20.30 horas do documental The Corporation. Xa mañá as actividades comezarán ás 11.00 horas co documental Zeitgeist-The movie no que, desde a xeopolítica e a economía global, se debulla o monopolio dos cartos e o gasto militar. A continuación, Ramón Carmelo Rodríguez, asesor formado no ámbito da economía social e solidaria, impartirá un relatorio sobre banca ética. Logo desta reflexión sobre o actual sistema bancario os asistentes están convidados a unha comida agroecolóxica. O día rematará coa proxección do documental O futuro da comida que axudará “a comprender as consecuencias económicas, sociais e culturais da aplicación dos transxénicos”.Obradoiro de cociña para pechar o programa
As xornadas rematarán o venres da man de Diana Muñoz, distribuidora de produtos ecolóxicos galegos na tenda www.ecoenvio.es, que dirixirá un obradoiro de cociña e de César Lema, que ofrecerá un relatorio baixo o título O que deberiamos saber sobre os transxénicos.Segundo explica Serra, o xerme da realización destas xornadas está na Xornada de Educación Alternativa que o ano pasado se organizou na EU Fisioterapia. Desta vez, cun programa moito máis amplo, quixeron que a iniciativa se celebrase na semana previa á manifestación que este sábado se realizará en Zaragoza en contra dos cultivos transxénicos.