Os lodos vermellos evitan a corrosión das estruturas de formigón armado
Proposta de Belén Díaz na súa tese de doutoramento
Os lodos vermellos procedentes da extracción de alumina poden poñer fin á corrosión das estruturas de formigón armado. Así o determinou a investigadora Belén Díaz na súa tese de doutoramento, un estudo no que se formulou como principal obxectivo determinar a técnica máis axeitada para evitar a corrosión dos aceiros inxeridos neste tipo de estruturas.
A idea da que parte esta licenciada en Ciencias Químicas é que a elevada alcalinidade do formigón confire a este tipo de estruturas unha adecuada durabilidade ao favorecer a formación dunha película pasiva que protexe o aceiro situado no seu interior. O problema preséntase cando os axentes agresivos externos, principalmente dióxido de carbono e ións cloruro, logran penetrar a través dos poros do formigón dando lugar a un proceso de corrosión activo que pode levar á destrución da estrutura nun período de tempo relativamente curto.
Tras unha análise en profundidade do proceso de desgaste, a proposta que fai Belén Díaz para frear o avance das moléculas ofensivas é engadir ao cemento algún tipo de aditivo, como os lodos vermellos, que actúe sobre a permeabilidade do material.
Os resultados do estudo demostran que con esta técnica podería reducirse ata catro veces a penetración do dióxido de carbono e dividir por oito a velocidade de avance dos ións cloruro.
Outras liñas de investigación
De xeito paralelo á investigación principal, Belén Díaz desenvolveu un experimento na procura dun novo método para determinar a velocidade de difusión das moléculas a través de membranas de morteiro e doutros materiais de tipo ceméntico. Como resultado do estudo, esta investigadora propón un método baseado en medidas de impedancia, que ofrece datos dunha maneira rápida e directa.Doutra banda, os factores que, dende o punto de vista electroquímico, poñen en risco as estruturas pretensadas, é dicir, sometidas a tensión mecánica, son os que dan contido á ultima parte desta investigación. Os resultados dos traballos realizados sobre este tema veñen a demostrar que a corrosión neste tipo de arames é máis rápida ca nos aceiros normais e as súas consecuencias son moito máis graves por ser sensibles á presenza de elementos agresivos ou aos cambios de temperatura. Nun último paso, a tese apunta as vibracións xeradas por causas ambientais e accidentais como causantes dos fallos imprevistos neste tipo de estruturas pretensadas.
Belén Díaz desenvolve o seu traballo no grupo Encomat, un equipo que dende a ETS de Enxeñeiros Industriais se dedica á enxeñaría da corrosión e materias.