Será os días 28 e 29 de novembro nas II Xornadas de Xóvenes Investigadores
Os novos historiadores visibilizarán o seu talento no campus
Organizadas pola Delegación de Alumnos da Facultade de Historia e Alehou
Para os investigadores máis novos atopar espazos nos que visibilizar e proxectar os seus traballos é unha tarefa difícil. Co obxectivo de acoller e dar pulo ao puxante talento das novas xeracións no eido da historia, o campus de Ourense acollerá os días 28 e 29 de novembro as II Xornadas de Xóvenes Investigadores. Nelas, expertos procedentes das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Castellón amosarán os últimos avances acadados nas súas respectivas áreas de especialización.
“Con estas xornadas intentamos crear unha plataforma para que os investigadores que acaban de saír das aulas universitarias teñan un espazo no que presentar os seus traballos nas diferentes áreas da historia, desde a contemporánea ata a arqueoloxía”, apunta Marta Vázquez en representación da Delegación de Alumnos da Facultade de Historia que organiza esta iniciativa xunto á Asociación Alehou e coa colaboración da propia Facultade de Historia do campus de Ourense. “Este tipo de eventos permiten visibilizar os intereses dos máis novos e son unha excelente oportunidade para ver o que están investigando e o que lles interesa ás novas xeracións. O feito ademais de que sexa unha iniciativa promovida e organizada polo propio alumnado do centro é algo que se debe valorar especialmente”, explica Beatriz Comendador, decana de Historia.
Diversidade de temas e de puntos de vista
A temática dos relatorios que se poderán escoitar os dous días de traballo é moi ampla e multidisciplinar. O comercio transpacífico a principios do século XIX; as represaliadas galegas; o contrabando de posguerra en Ourense; a influenza da sinestesia na creación artística contemporánea; os mosaicos romanos de Galicia e as rutas patrimoniais no Río Arnoia serán algúns dos temas tratados o primeiro día de traballo, que rematará cunha mesa redonda sobre o patrimonio na que participarán os arqueólogos Martiño X. Vázquez e Eduardo Breogán Nieto.O segundo día os historiadores achegaranse a temas como o Mosteiro de San Clodio do Ribeiro; a estrutura do cabido catedralicio ourensán a fins do século XVIII; a contribución do Reino de Galicia á defensa das Indias; os deputados galegos nas Cortes de Cádiz; a xestión da Casa da Xuventude de Ourense; a transición en Ourense e a Xeración Nós. Neste ocasión, a mesa de debate será arredor do futuro das humanidades e levará o título España non é país para xóvenes.
“As mesas redondas serán especialmente interesantes porque permitirán a confrontación de ideas sobre temas que preocupan aos historiadores, como é o seu papel na sociedade ou, no caso do patrimonio, o peso da súa faceta educativa e/ou da súa explotación turística”, subliña Beatriz Comendador. Para difundir as xornadas, os organizadores, entre os que tamén están os estudantes Rodrigo Pousa e Xoel Díaz, crearon un vídeo promocional da iniciativa co que se quere animar a todos os novos talentos do eido da historia a achegarse ao campus de Ourense os días 28 e 29 de novembro.