DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pouco partidarios de recurrir só ás vías penais

Os participantes nas xornadas "Dous de fronte" destacan a educación viaria como o mellor método para combater os accidentes de tráfico

O vicerreitor, Juan Francisco Gálvez, tenta concienciar aos estudantes desta problemática relatando

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 05/05/2008

As primeiras Xornadas de Educación Viaria Dous de fronte comezaron este luns con máis de 120 inscritos nun emotivo acto no que os representantes das entidades organizadoras coincidiron en subliñar a importancia da educación como o mellor xeito de combater os accidentes de tráfico. Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus; Ana Garrido, concelleira de Educación; Mercedes Suárez, directora académica das xornadas e decana da Facultade de Ciencias da Educación; Susana Álvarez, directora das xornadas e representante dos CAEF en Ourense, e Angélica Ferro, coordinadora e técnico do Gabinete Psicopedagóxico, foron os encargados de inaugurar as conferencias que ao longo desta semana terán lugar no Edificio Politécnico.
Susana Álvarez explicou que as xornadas naceron “porque todos os anos os CAEF organizamos algo relacionado con este tema e, nesta ocasión, queriamos algo que implicase a moitos alumnos. Pensamos na educación viaria porque ninguén se dá conta do problema que supoñen os accidentes de tráfico e aínda que non nos decatemos, é algo que nos pode pasar a todos, polo que temos que concienciarnos para ser máis prudentes ao volante”dixo.
A súa compañeira na organización, Angélica Ferro, destacou “que as xornadas teñen un pai e unha nai. O pai son os CAEF, que puxeron a semente, e a nai é o Gabinete Psicopedagóxico que, en moito menos de nove meses, case en dúas semanas, fixo todo o posible para sacalas adiante. Como o noso primeiro fillo témoslle especial cariño pero tamén, como pais noveles, seguramente cometeremos fallos froito da inexperiencia”. Ademais destacou o feito de que unha asociación de estudantes teña como finalidade levar aos seus compañeiros unha formación tan específica como a educación viaria "aínda que, na miña opinión, a educación viaria non existe, é educación sen máis, polo que o paso pola universidade ten que servir para formarnos como persoas e como membros dunha comunidade”.
Pola súa banda, Ana Garrido amosouse moi satisfeita “coa sensibilidade e enerxía dun campus que dende abaixo promove iniciativas como estas, ás que as institucións non podemos facer outra cousa que apoiar para axudar na loita contra o elevado número de falecidos que deixa cada fin de semana a estrada” dixo.

Un problema con múltiples causas

Mercedes Suárez, explicou que “semana tras semana os accidentes de tráfico constitúen unha verdadeira sangría social que afecta sobre todo ao colectivo da mocidade. Nesta última fin de semana houbo en España 39 mortos dos cales 9 foron en Galicia. Non só se trata das persoas que perden a vida, ou que quedan incapacitadas fisicamente, senón do problema que lles xera ás súas familias e aos seus amigos, porque a morte na estrada é unha das máis difíciles de superar, xa que non ten preparación psicolóxica previa, como pode ser unha enfermidade, é unha perda radical e dramática” dixo.
A decana de Ciencias da Educación coincidiu co resto de participantes en sinalar que se trata dun problema de difícil solución, que tan só se pode atallar dende a educación, amosándose pouco partidaria de intentar resolver o problema recurrindo só ás vías penais, en lugar das administrativas. "Fabrícanse coches cada vez máis potentes que superan amplamente as velocidades permitidas, existen puntos negros nas estradas, temos unhas estruturas viarias deficientes, un sistema de vida baseado na rapidez, usamos o automóbil como elemento lúdico e mesturámolo con alcohol, ao que hai que engadir que non somos conscientes dos riscos que leva consigo. Todos estes factores non se van reducir polo endurecemento das penas” enfatizou.

A dura experiencia do vicerreitor do campus

Para exemplificar o drama dos accidentes e reiterar que a todos nos pode pasar, Juan Francisco Gálvez explicou “mentres que fun director da Escola Superior de Informática e tamén sendo vicerreitor tiven o lamentable deber de ir a enterros de alumnos mortos en accidentes de tráfico, o cal é moi doloroso. Pero despois de sufrilo, volver á casa impresionado, pasa o tempo e volves pisarlle ao coche” dixo. “Desgraciadamente unha madrugada do ano 2000, soou o teléfono. Era un tío meu dicíndome que atropelaran aos meus pais. Miña nai morreu e meu pai quedou parapléxico. Quen os atropelou eran dous rapaces sen carné, sen seguro no coche e borrachos. Deixáronos alí tirados e que seguiron bebendo, cando os detivo a policía estaban durmindo na súa casa tranquilamente. Eles non cumpriron condena ningunha pero a familia estámolo pagando dende entón” recordou Gálvez.
“Con isto quero dicir que cando un sube a un coche, é cuestión de educación, de saber o que se ten entre mans. Se tivesemos unha pistola non iriamos pegando tiros aleatoriamente, sen embargo cun coche si o facemos e tamén é un arma que mata a moita xente” explicou, e engadiu que “estas xornadas fanse para que no campus non haxa asasinos ao volante e espero que sexan as primeiras de moitas. Sei que estades concienciados e que a gran maioría sabe o que fai, pero só dende a educación se poden combater estes temas, e que se con estes dous créditos de libre elección que ides acadar pola asistencia conseguimos salvar unha vida, van ser os mellor invertidos da Universidade, e iso non hai cartos que o pague” finalizou.