Os premios extraordinarios fin de carreira e doutoramento preséntanse este mércores a Consello de Goberno
A orde do día inclúe tamén as axudas de Extensión Universitaria para o 2008
A proposta de premios extraordinarios de fin de carreira e premios extraordinarios de doutoramento é o tema máis destacado da orde do día do Consello de Goberno que se vai celebrar este mércores a partir das 10.00 horas na sala de xuntas da Reitoría.
No referente aos Premios Extraordinarios de Fin de Carreira, aos que se lle entregará a insignia da Universidade, propóñense 36 candidatos, e no caso dos Premios Extraordinarios de Doutoramento, que recibirán a medalla da institución, preséntanse un total de 21: oito do ámbito científico, tres do humanístico, sete do tecnolóxico e tres do xurídico-social.
As axudas de Extensión Universitaria para o ano 2008 é outro dos aspectos destacados na orde do día deste Consello de Goberno. Inclúense as axudas para a posta en marcha de obradoiros e cursos, accións participativas e que fomenten o asociacionismo e actividades extraacadémicas e de difusión cultural, tales como conferencias, mesas redondas e actividades culturais que sexan de interese xeral para a comunidade universitaria.
No total de nove puntos que conforman a orde do día inclúese tamén a aprobación de diferentes convenios, tanto con organismos nacionais como internacionais.