DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo confirmou a directora da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación

A OTRI impulsou a creación de oito empresas de base tecnolóxica e xestiona a posta en marcha doutras 14

No congreso "Emprendedores, Innovación e Cooperación Transfronteiriza"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 24/04/2008

O espírito emprendedor nos espazos educativos foi o eixo sobre o que xiraron os relatorios desenvolvidos na Cámara de Comercio de Ourense coa finalidade de afondar no proceso de transición do mundo universitario ao sector empresarial. Ángeles López, directora da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, foi a encargada de explicar, no seu relatorio, Spin-off da Universidade de Vigo: unha realidade empresarial, como se está a apoiar aos investigadores que teñen un proxecto para crear a súa propia empresa.
A intervención da directora da OTRI tivo lugar no Congreso Emprendedores, Innovación e Cooperación Transfronteiriza que inaugurou o presidente da Cámara de Comercio, Ovidio Fernández, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Jose Luis Baltar, do alcalde da cidade, Francisco Rodríguez , o director xeral do Igape, Álvaro Álvarez, e o director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova, entidade patrocinadora do encontro, Carlos Palleiro.

O papel da OTRI na creación de empresas

Aínda que non temos regulamento específico”, dixo Ángeles López, “no Plan Estratéxico da OTRI, establecemos como principais obxectivos a contribución á xeración de riqueza e á creación dun tecido empresarial competitivo grazas á aplicación dos coñecementos que se xeran na Universidade. Ademais, queremos aumentar a participación dos investigadores en proxectos de I+D+i coas empresas, e para iso, poñemos á súa disposición as ferramentas necesarias para que esta transferencia de coñecementos se realice de xeito exitoso, a través de, por exemplo, a creación de espazos e infraestruturas como será o CITI”, comentou.
Á hora de crear unha empresa, segundo a directora da OTRI, “existen fundamentalmente tres vías. A que máis traballamos na OTRI é a de realizar proxectos por encargo. Tamén existe o camiño de licenciar patentes, ou o que nos trae hoxe aquí, crear empresas de base tecnolóxica”. Por definición, esto é “unha iniciativa empresarial que conta coa participación dalgún membro da comunidade universitaria, dirixida a explotar uns coñecementos obtidos da investigación” explicou. Grazas a estas ferramentas, a Universidade conta con oito empresas creadas e outras 14 iniciativas en marcha.O papel que xoga a OTRI, explicou Ángeles López, "consiste en prestar apoio e asesoramento ás ideas de negocio, que xa traen os investigadores e que xorden do descubrimento dalgún resultado susceptible de inxerirse no mercado” comentou. “A partir dese momento, a Oficina, axuda a ordenar e clarificar a idea, informa sobre os Dereitos de Propiedade Industrial, o financiamento e os aspectos xurídicos da participación, e xa comezamos a traballar en paralelo co programa de titorización Empresa-Concepto” comentou. Ademais, nas súas propias verbas, “a reforma da Lei Orgánica de Universidades, que regulaba as incompatibilidades entre ambas dedicacións, facilita a participación e fomenta e incentiva a creación de empresas” dixo.

O programa Empresa- Concepto

Roberto Graña, coordinador do programa de caracter público Empresa-Concepto para a creación de empresas de base tecnolóxica das tres universidades galegas, explicou o proceso de transición da investigación ao desenvolvemento dun novo concepto de negocio. “O noso obxectivo é crear un entorno favorable para a creación de empresas de base tecnolóxica, e poñer á disposición dos grupos de investigación os medios necesarios para a avaliación da viabilidade e lanzamento do proxecto”. Ademais, “tamén temos a obriga de difundir o espírito emprendedor na Universidade". Graña apuntou que "xa non se pode concibir a Universidade como unha institución docente, nin tan sequera investigadora, senón que estamos un paso por diante para ser un axente emprendedor de xeración de riqueza e emprego” comentou. “Así, as empresas que xorden da universidade, teñen un alto potencial económico e están á vangarda tecnolóxica, e ademais supoñen unha solución ao problema de fuga de capital humano creando empregos para persoal altamente cualificado e que a Universidade xa non ten a capacidade de absorber” concluíu.