DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marta Montoto, gañadora de Debut'08

"O outro día vin os meus deseños na portada de Neomoda e alucinei"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 02/12/2008

O Debut’08 supuxo un auténtico parto para os alumnos de Esdemga, que por fin deron a coñecer os seus proxectos, nos que levaban traballando máis de oito meses. Esa carreira incipiente atópase agora nun momento de eleccións e busca de oportunidades. Nunha posición destacada está Marta Montoto, a gañadora do primeiro premio do desfile, que coñece ben a realidade do sector pola súa familia e confesa que lle “encantaría” seguir a senda doutras alumnas da anterior promoción e participar en Ego, a pasarela de Cibeles.

Uns días despois do desfile, xa se dá conta de que é real?
Son algo máis consciente pero aínda non de todo porque non o esperaba. Estou moi agradecida polo premio. O outro día vinme na portada de Neomoda e alucinei.

Era a primeira vez que xurado externo a Esdemga valoraba o seu traballo?
Si, ata agora só tiñamos a valoración dos profesores. Tamén participamos na exposición Esdemga 2.1 e teño un traballo que fixen en segundo que está exposto en Galicia 25 años de deseño, en Vigo, e iso facilitou un pouco as cousas.

Os seus estilismo estaban integramente confeccionados en punto.
Coñézoo ben de preto pola miña familia, gústame e manéxome ben a nivel técnico nel. O punto sempre se emprega como complemento pero a miña colección baséase nel. Moita xente preguntábame "pero isto tamén é punto?" , porque non o crían.

Ten claro a onde quere dirixir a súa carreira profesional?
Voume tomar o mes de decembro de vacacións, despois do traballo que levamos todos estes meses necesitámolo. Despois en xaneiro valorarei, pero manteño todas as posibilidades abertas, desde seguir formándome ata comezar a traballar se teño esa oportunidade.

E non ten o soño de crear a súa propia firma?
Eu son realista e, precisamente porque coñezo ben o sector desde dentro, sei que crear unha firma co teu propio nome é moi complicado. Interésame máis traballar nunha empresa grande para seguir adquirindo coñecementos do sector desde outra perspectiva. En definitiva, poder vivir disto.

A súa inspiración foi Les enfants terribles de Jean Cocteau. Por que escolleu este tema?
Os tutores de Esdemga propuxéronnos varios e eu escollín este porque era no que sentía máis cómoda. O meu traballo plasma a evolución dos personaxes que teñen que abandonar os privilexios do mundo infantil e a súa inadaptación ao mundo adulto. Quería achegar unha mirada irónica sobre un mundo inxenuo, de aí o punto lúdico dos deseños. Tamén hai unha mirada ao despertar sexual, os elementos urbanitas e da cultura do hip-hop.

Os estampados xeométricos son outra das súas características.
A referencia vénme das vangardas e sobre todo do construtivismo ruso.

Como valora a formación que en Esdemga lles dan para enfrontarse ao mundo profesional?
A maior mostra de que se está a facer algo interesante é o que Pontevedra ten conseguido desde unha situación de periferia. Se no xurado estaba representado o St. Martin’s College! Ademais a xente da promoción anterior tivo moito éxito e cada xeración vén con máis forza.