DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do obradoiro "Matemáticasxmatemáticas"

As participantes nunha mesa de debate demandan un maior aproveitamento do potencial feminino nas aulas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 14/03/2008

“Se analizamos a presenza das mulleres nas categorías superiores do ámbito docente, resulta evidente que a porcentaxe redúcese drasticamente a medida que ascendemos na escala”. Con estas palabras comezou Margarita Estévez, profesora do Departamento de Matemáticas e ex-vicerreitora, a súa intervención na mesa de debate Matemáticas na Universidade, organizada en colaboración coa Área de Igualdade. A docente estivo acompañada por Elena Vázquez Cendón, do Departamento de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago e Isabel Marrero, profesora de Análise Matemático en La Laguna.
Como proba da afirmación vertida, Estévez sinala que na Universidade de Vigo só o 37% dos cargos docentes están ocupados por profesoras, e “se enfocamos á categoría de catedrático a porcentaxe vese reducida ao 21%, unha tendencia que se agudiza máis no ámbito tecnolóxico”, apuntou. Fronte a esta situación, as mulleres representan a ampla maioría do alumnado nas aulas e a súa taxa de éxito é claramente superior, polo que Estévez afirma que “a sociedade non pode renunciar ao aproveitamento deste potencial para mellorar o sistema de ciencia e tecnoloxía”.
Continuando co seu razoamento, a relatora presentou os datos relativos á presenza de mulleres en cargos de responsabilidade e de xestión dentro da Universidade no curso actual, apuntando que “ocupan o 33% das vicerreitorías, o 9% da dirección de centros e o 21,7% da xerencia de departamentos”.
Unha vez esbozada a situación da muller na docencia universitaria, Estévez sinala como causa deste descenso porcentual na estrutura xerárquica a “autodiscriminación levada a cabo polas propias profesionais, que optan por outros camiños laborais”. Se ben non o fan por impedimentos legais, si existen obstáculos de tipo persoal, como pode ser a conciliación da vida laboral e familiar.

Medidas lexislativas en prol da igualdade

A Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, na que está presente Elena Vázquez Cendón, é unha iniciativa nacida co obxectivo de fomentar a presenza feminina no ámbito científico-tecnolóxico e “para isto promove a desaparición de desequilibrios no relativo a formación educativa”, tal como ela mesma apunta. A respecto deste tipo de políticas, Margarita Estévez entende que “non podemos esperar que a situación actual cambie por si sola, senón que hai que darlle un impulso a través de medidas lexislativas”.
Pola súa banda, Isabel Marrero confirma que “xa existen numerosas sociedades e organizacións científicas que crean os seus propios comités de mulleres”, e como mostra apunta a Comisión Mulleres e Matemáticas, creada no 2003 e da que ela mesma é fundadora. Esta institución traballa coa finalidade de facer visible a actividade das investigadoras e analizar os motivos polos que non chegan a postos de responsabilidade.

Matemáticasxmatemáticas

A mesa de debate Matemáticas na Universidade é unha das actividades previstas no obradoiro Matemáticasxmatemáticas, iniciado o pasado 7 de marzo e que terá continuación no mes de maio coa exposición pública dos proxectos realizados polos estudantes inscritos. Trátase dunha “actividade divulgativa que pretende amosar aos alumnos a parte máis lúdica das matemáticas”, tal como apunta Miguel Ángel Mirás, profesor do Departamento de Matemáticas e membro da organización.