DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No terceiro dos "Roteiros Culturais"

Un paseo polas terras do Ribeiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 23/11/2007

O terceiro roteiro deste ano leva aos participantes dos tres campus ata as terras ourensás do Ribeiro. A ruta comeza en Carballiño e discorre ata Pazos de Arenteiro, unha aldea declarada conxunto histórico e artístico pola súa abundancia en casas señoriais típicas de Galicia. O itinerario segue ata Leiro e tras deixar á dereita pena Corneira remata no Mosteiro de San Clodio onde a profesora de Historia da Arte Beatriz Vaquero explicará aos asistentes o seu valor cultural. Precisamente, desde o Servizo de Deportes, organizador da actividade, o seu coordinador destaca esta dobre finalidade, “é unha gran satisfacción que o sendeirismo callara tan fondo na comunidade universitaria, incluso se convalida por créditos porque serven para coñecer todas as manifestacións culturais de Ourense principalmente”.

Recomendacións aos participantes

Os 42 inscritos nesta etapa, paralela ao río Arenteiro, percorrerán case 17 kilómetros cunha dificultade media salvo polos dous kilómetros de subida ata San Clodio, cualificados de alta. Dende a organización recomendan levar a comida e o equipo habitual nestes casos: calzado cómodo, cantimplora e unha muda. Por esta vez o chuvasqueiro semella que non será preciso, pois se augura bo tempo.
Os participantes sairán ás 9:00 horas do edificio Politécnico e regresarán ás 17:00 ao mesmo punto. Os alumnos dos demais campus serán trasladados ata Ourense en autobús.
O prazo de inscrición xa está pechado pero os que queiran apuntarse ás seguintes rotas pola provincia, as rías de Vigo e Pontevedra e O Incio en Lugo, poderán facelo no Servizo de Deportes o martes previo á saída. Levaranse a cabo os fins de semana entre outubro e abril deste curso 2007-2008. O seu prezo é de 8 € por ruta para o persoal universitario e de 13 € para os demais.