DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anxo Angueira recitará a súa obra no anfiteatro da entrada do campus

Poesía e música para a presentación da oda á cidade de Vigo, “Fóra do sagrado”

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 27/02/2008

Anxo Angueira chega ao campus para presentar a súa última obra, Fóra do sagrado, cun acto literario-musical no que recitará o extenso poema acompañado pola música de Leo i Arremecághona e Aser Álvarez e coa intervención plástica de Xosé Luís e Xoán Carlos de Dios como fondo . Fóra do sagrado é un canto ao Vigo real feito para ser declamado no que se reflicten as contradicións dunha cidade cosmopolita e mariñeira.
O recital terá lugar ás 20.00 horas no pequeno anfiteatro da entrada do campus, se as condicións meteorolóxicas o permiten, xa que un dos obxectivos de A Intercultural, na que se enmarca o acto, é converter todos os espazos en escenarios artísticos.

O poeta

Anxo Angueira (Manselle, 1961) é profesor de lingua e literatura galegas no IES Meixoeiro e na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Ensaísta, narrador, poeta e crítico, recibiu o Premio Xerais no 99 pola súa novela Pensa nao. Entre as súas obras de poesía destacan Val de Ramirás, O valo de Manselle, Libro da Vertixe e a que vén presentar ao campus, Fóra do sagrado.
En canto á narrativa, publicou, entre outros, o libro de relatos Bágoas de facer illas, o de viaxes Terra de Iria e a novela A morte de A.