DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O poeta vigués Xosé Mª Álvarez Cáccamo repasa en Filoloxía a súa obra

A súa intervención pecha o ciclo “Escritores na Universidade”

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 29/11/2007
“Caixas para poetas, alquimistas e fuxidos” foi o poema elixido por Xosé Mª Álvarez Cáccamo para iniciar un recital poético no que verso a verso, o autor vigués fixo un repaso a súa dilatada traxectoria poética.
Da súa propia voz o numeroso público que asistiu ao encontro puido escoitar non só unha pequena escolma dos seus poemas senón a explicación a cada un deles, os pequenos detalles que os inspiraron ou os motivos dos que xurdiu a idea.
Cáccamo, presentado por Amparo Solla, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, recitou poemas dende as súas obras iniciais ata as últimas publicacións.
As lembranzas da nenez, a morte do pai e os amores do pasado son só tres exemplos dos temas aos que Cáccamo fixo repaso a través das súas obras, “detalles de base biográfica disfrazados no poema”, como el mesmo comentaba . Xunto a estes ámbitos, de carácter intimista, o poeta recitou tamén pezas de índole máis política, elixindo para isto un poema da obra O vento dos pobres. “Estamos obrigados a dar fe das inxustizas que nos rodean, pero é moi difícil facer este tipo de poesía sen caer no panfletario”, comentaba.
A figura de Avilés de Taramancos, do que era amigo persoal, estivo moi presente no encontro. Ademais da lectura dun poema escrito na súa memoria, Cáccamo aproximou aos asistentes o perfil máis humano do autor de Noia, contando diferentes anécdotas tanto da súa vida en Galicia como dos vinte anos que estivera exiliado en Colombia, así como da súa amizade con Urbano Lugrís.
A música como motor inicial do poema foi outro dos aspectos ao que se fixo referencia no encontro, “trae consigo o resto de elementos que a compoñen”, subliñaba.

Peche do ciclo

Os poemas de Álvarez Cáccamo protagonizaron a clausura do ciclo “Escritores na Universidade” co que se achegaron ata a Facultade de Filoloxía e Traducción escritores como Mª Xosé Queizán, Yolanda Castaño, María do Cebreiro ou Fran Alonso.