DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar o 20 e 21 de setembro

Pont-Up contará coa participación de 42 iniciativas de emprendemento

Seis empresas “revolucionarias” no seu sector tentarán convencer a potenciais investidores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/07/2024

O Pont-Up Store fixo pública este martes a selección de iniciativas que van participar na súa undécima edición, que se desenvolverá a fin de semana do venres 20 e sábado 21 de setembro nunha carpa instalada na Praza de España de Pontevedra. En total, na cita vanse presentar 42 emprendementos. Como novidade, seis empresas “revolucionarias” no seu sector tentarán convencer a potenciais investidores nun novo formato chamado Pont-Up Venture.

Entre estes 42 emprendementos destacan de novo a porcentaxe de empresas lideradas por mulleres e a importante presenza de iniciativas baseadas no rural galego. Así, desde a organización desta feira, promovida pola UVigo, subliñan que as candidaturas recibidas nesta edición superaron as expectativas, alcanzando un total de 142 solicitudes de participación e superando nun 12% as recibidas na edición anterior. Entre elas os empredementos dirixidos por mulleres  alcanzaron un 74%. En canto aos ámbitos das propostas, o compromiso ambiental está presente en case todas as iniciativas, e mesmo hai moitas propostas nas que o corazón do negocio susténtase na responsabilidade social e ambiental. Tamén se notou un incremento das candidaturas relacionadas con tendencias, novo estilo de vida, ocio, saúde e benestar e un aumento dos emprendementos de base tecnolóxica derivados da aposta polo novo formato Pont-Up Venture.

Un novo formato, Pont-Up Venture

As iniciativas seleccionadas pola organización do encontro para participar en Pont-Up Venture son seis. Trátase, tal e como detallan desde a organización, da plataforma Knowmad Tribe, que xestiona experiencias coliving en todo o mundo; o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios; os sistema Wildfire Sentinel, pioniero en detectar incendios a través do olor; a foodtech Vanetta Food, que fabrica zorza vegana; a liña de calzado orgánico e reciclado de Beflamboyant, e a firma Sembra Biojoyas, que crea pezas de bixutería orgánica en colaboración con etnias indíxenas do Amazonas.

Este novo formato, indican desde Pont-Up, daralles a oportunidade ás persoas responsables destes emprendementos de presentar as súas ideas de negocio ante un xurado composto por mentores e potenciais investidores mediante unha intervención de tres minutos que estará seguida doutra sesión de tres minutos na que deberán responder a unha rolda de preguntas. Ademais das posibles oportunidades de financiamento que se abren con esta actividade, o emprendemento que finalice a rolda con mellor puntuación do xurado, conseguirá unha consultaría gratuíta de Google "á que posiblemente se engadirán aínda outras recompensas que a organización tratará de pechar nas próximas semanas", tal e como apuntan desde o evento.