DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miteu e Campás Teatro chegan ao seu fin

Pontevedra é puro teatro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/05/2009

Desde hoxe e ata o sábado os amantes do teatro terán que multiplicar esforzos para poder asistir ás ultimas representacións da Miteu e do ciclo Campás Teatro que chegan ao seu fin. Tras unha semana de actuacións diarias a Mostra Internacional de Teatro Universitario encara a recta final con tres representacións a cargo das aulas de teatro do campus de Ourense, de Lugo e da Universidade de Santiago de Compostela, este xoves, venres e sábado, respectivamente. Sen embargo o público que prefira o teatro máis alternativo ao universitario tamén verá a súa aspiración cumprida coa obra coa que se baixa o pano do ciclo Campás Teatro, Museo do teatro a cargo de Teatro del Norte.

Últimas representacións da Miteu

Dirixida por Fernando Dacosta, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, Maricastaña, porá escena esta tarde ante o seu público Hide (Oculto), un thriller teatral a partir do Dr Jekyll e Mr. Hide de Stevenson, co que Maricastaña logrará asustar, estremecer e emocionar a que se achegue esta tarde ás 20.30 ao Teatro Principal.
No mesmo lugar e a mesma hora continuará a Miteu o venres, Será entón momento para a perspectiva feminina do drama de David Mamet, Edmond, que Carol López Díaz reescribiu e volveu bautizar co título de Susie e ao que dará vida o grupo de teatro do campus de Lugo. E a derradeira representación da mostra deste ano terá lugar o sábado, en novo no Teatro Principal e ás 20.30. E será cun xogo de nenos, cunha peza que recrea nos cativos as relacións que se establecen no mundo dos adultos. Xogos á hora da sesta será representada pola aula teatro da USC,a peza que, dirixida por Cándido Pazó.

Adeus ao ciclo Campás Teatro

Tras cinco representacións ao longo dos meses de marzo e abril o ciclo Campás Teatro chegará este venres ao seu fin. Será Teatro del Norte a compañía encargada de clausurar este espazo aberto ao teatro alternativo.
Teatro del Norte foi creado por Etelvino Vázquez en 1985 como un grupo de encontro, espazo de investigación e busca arredor do feito teatral. E esta será precisamente a actividade que peche o ciclo, o 8 de maio. Mediante Museo do teatro o espectador poderá ver o teatro por dentro e coñecer o traballo do actor en estado puro. A sesión estará composta por espectáculos que amosan a técnica da actuación como Os principios do actor, Xeo que queima e As voces da voz e outros que falan da historia do teatro como A comedia da Arte, Valle-Inclán ou Federico García Lorca.