Presentación conxunta dos novos programas “Ponte en forma” do Servizo de Deportes, e “A Intercultural” de Actividades Culturais
A vicerreitoría do campus vén de presentar os novos programas de Actividades Culturais e do Servizo de Deportes. O primeiro deles, denominado A Intercultural comprende iniciativas musicais, audiovisuais, divulgativas e outras determinadas polos espazos onde se realizan. Pola súa banda, o proxecto Ponte en forma pretende achegar o exercicio físico controlado por profesionais á comunidade universitaria para a mellora da súa saúde.
Juan Francisco Gálvez, vicerreitor, destacou que “ambos programas son froito dun enorme esforzo pola nosa banda, tanto a nivel de traballo como económico, polo que confiamos no seu éxito. Coa Intercultural queremos abrirnos á cidadanía polo que non todas as accións se desenvolven no campus”. En canto ao proxecto Ponte en forma que si é exclusivo para a comunidade universitaria, Gálvez recordou que “en Vigo xa leva dous anos funcionando e por fin puidemos traelo para aquí”.
A Intercultural
De xeito experimental e con motivo do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, a programación de cultura pretende dar unha visión global do que se está a facer fóra das aulas nos distintos ámbitos. A encargada de xestionar A Intercultural é a empresa Abana Eventos, da que Xavier Paz foi o elixido para presentar as iniciativas coas que conta. “Por medio dos catro bloques temáticos tentamos facer unha proposta variada con representación dos diferentes xéneros artísticos” explicou . Así, mediante actividades musicais, divulgativas, proxeccións audiovisuais e outras determinadas polos escenarios o campus quere “converterse nun referente cultural da Universidade de Vigo e da cidade de Ourense” comentou.Para dar a coñecer estas actividades “que abranguen todas as semanas lectivas ata maio” distribuirase un calendario dos catro meses e unha revista “en formato gaceta para informar mensualmente das próximas propostas” dixo Xavier paz. Precisamente no mes de febreiro chegan as dúas primeiras: Telémaco e Fóra do sagrado.
O día 22 a Praza do Correxidor acollerá a proposta de novas músicas do grupo Telémaco que trala xira dos eu primeiro albume Outótono por América, chega para presentar o segundo, Terra cunha sesión sonora e visual concibida como unha viaxe telúrica.
Fóra do sagrado é o título do libro de Anxo Angueira que cun recital poético “que adquire a categoría de performance presentará nun espazo non convencional para estes actos: o pequeno anfiteatro que forman as escaleiras da entrada do campus” comentou Paz. A cita será o 27 de febreiro.
Ponte en forma
O outro programa que se presentou foi o chamado Ponte en forma no que o médico especialista en medicina deportiva, Juan José Crespo analizará de xeito exhaustivo a saúde e o estado de forma dos usuarios. Posteriormente e baseándose nese informe, Guillermo Santos, licenciado en Educación Física, encargarase de deseñar as rutinas deportivas máis axeitadas para cada persoa.O doutor Crespo explicou que “estamos nun momento de auxe do tempo de ocio sedentario, o que causa enfermidades cardiovasculares, obesidade ou osteoporose, entre ouros problemas. É importante por tanto que se faga unha promoción da saúde e do deporte con supervisión con programas de exercicio físico personalizado como é este caso. Así minimízanse os riscos pois non todos os exercicios son para todo o mundo” dixo.