DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pérez Touriño avanza que este mes comenzará a revisión do financiamento

O presidente da Xunta confirma o compromiso inversor do goberno autonómico coas universidades galegas

No acto de toma de posesión do reitor da Universidade de A Coruña

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 14/01/2008

As conversacións coas tres universidades galegas para reformular o Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, co obxectivo de dedicar ás institucións académicas máis do 1% do PIB e impulsar a súa actividade investigadora, comezarán este mes de xaneiro. A confirmación realizouna o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño no acto de investidura de José María Barja como reitor da Universidade de A Coruña, e no que tamén tomaron parte a conselleira de Educación, a de Sanidade e os reitores das universidades de Santiago e Vigo.
Pérez Touriño avanzou que a revisión realizarase baixo tres premisas: unha vixencia ata o ano 2013; asegurar a solvencia económica das universidades para abordar o proceso de adaptación ao EEES que fixa como obxectivo superar o 1% do produto interior bruto e un novo sistema de financiamento asociado á consecución de obxectivos, consolidando os principios de calidade, eficiencia e rendemento de contas.

Principais entidades investigadoras

O presidente da Xunta destacaou na súa intervención que as tres universidades galegas representan o 70% do persoal investigador e o 50% do gasto de I+D. "Nesa aposta traballamos, visibilizando orzamentariamente os recursos e esforzos requeridos para desenvolver o necesario protagonismo destas institucións nos procesos de xeración de riqueza, emprego e diversificación económica", afirmou Pérez Touriño.
Neste sentido o titular do goberno galego lembrou que este ano 2008, a Xunta destinará 403 millóns de euros ás universidades galegas o que supón un 11% máis respecto ao exercicio anterior. Unha partida orzamentaria que segundo o presidente da Xunta "permitirá avanzar na adaptación das universidades galegas ao Espazo Europeo de Educación Superior, ao tempo que reforzará a implantación da función investigadora".