DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Das licenciaturas en Bioloxía e Filoloxía Hispánica e da Diplomatura en Relacións Laborais

Preto de cen estudantes reciben a súa distinción académica como novos graduados

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
L. Costas / C. Carballeira DUVI 25/06/2009

Noventa e un estudantes recibiron este xoves as súas bandas nos tres actos de graduación que se celebraron no campus vigués. O alumnado das licenciaturas de Bioloxía e Filoloxía Hispánica e da Diplomatura en Relacións Laborais pecharon deste xeito unha etapa, non sen antes recibir os consellos para a súa nova andaina no mundo profesional. Moi emocionados e na compaña dos seus familiares, amigos e profesores recordaron as experiencias vividas na universidade e agradecéronlles a todos eles o apoio recibido neste período de formación.

Consellos prácticos para os novos biólogos

48 estudantes de Bioloxía recibiron esta tarde o certificado que lle dá o pase ao mundo laboral. Nun acto presidido polo reitor Alberto Gago, Pedro Pablo Gallego, decano do centro, foi o encargado de inaugurar a graduación desta décimo terceira promoción. Cun salón de actos ateigado de familiares, amigos e profesores Gallego animou a todos os estudantes “a demostrar o que sabedes nesta nova etapa que hoxe comeza, porque os vosos éxitos serán os nosos éxitos”.
O decano agasallounos cunha serie de “consellos laborais”, como “presentar un bo currículo, ter un plus –prácticas, máster, idiomas...-, saber algo de negocios, viaxar, habilidades de comunicación e capacidade de aprendizaxe”. Nesta liña, lembrou unha cuestión importante: a empregabilidade, pois “o 80% dos nosos egresados están a traballar”, non obstante, dirixíndose en ton de humor á madriña desta promoción, Dolors Planas, catedrática de Linmoloxía da Universidade de Quebec (Montreal), pediulle que “buscase algún traballiño a estes alumnos moi ben preparados, que saben estar, facer e, sobre todo, ser”. Planas destacou “a calidade e o valor humano dos estudantes. Aquí remata unha etapa pero tedes que seguir pedaleando para non caer, porque a sociedade precisa xente como vós, formada, con mestría e moi motivada”.
O Colexio Oficial de Biólogos tamén estivo presente no acto, foi a súa presidenta, Mercedes Casal a encargada de recordarlles a súa existencia e funcións, animándoos a que se unan “para defender os intereses da nosa profesión”.
Finalmente, en antes da recollida de diplomas, tres representantes do alumnado interviñeron para lembrar as súas experiencias, “nesta etapa de aprendizaxe e madurez”, agradecendo a todos os presentes a súa colaboración e axuda e proxectando un vídeo resumo elaborado por eles mesmos.

Renovada visión das Relacións Laborais

Coa formación precisa para dar unha nova e renovada visión ás Relacións Laborais recibiron a súa distinción académica trinta e un novos diplomados nun acto celebrado no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O director xeral de Relacións Laborais da Xunta, Odilo Martiñá, ofreceu unha lección maxistral nun acto que estivo presidido polo vicerreitor de Planificación, José Cidrás. Na súa intervención, Martiñá ofreceu unha panorámica do mercado laboral galego “nun momento realmente complicado” no que “a libre competencia e as relacións laborais xogan un papel moi importante”.
Os alumnos tamén recibiron os parabéns do decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Fernando Lorenzo, e da madriña da promoción, a profesora Belén Fernández Docampo, que os animou “a non deixar nunca de estudar coa mesma ilusión que vos empurrou ata aquí” ao tempo que lles sinalou que “aínda que algúns contidos se esquezan, a capacidade de xestión, análise e crítica que aprendestes aquí, perdurará”.

Unha excelente promoción de Filoloxía Hispánica

Doce estudantes da Licenciatura en Filoloxía Hispánica recibiron a súa banda como símbolo dos coñecementos adquiridos ao longo dos cinco anos de carreira. O acto contou coa presenza da vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, que felicitou ao alumnado e as súas familias e lles recoñeceu que foron “unha promoción especial”, na que custaba repartir as Matrículas de Honra e que destacou “pola súa imprevisibilidade, imaxinación, festividade e excelencia, no mellor dos sentidos da universidade”.
A decana do centro, Rosa Pérez e o secretario, José Luís Bueno, así como os padriños da promoción Manuel Candelas e Carmen Becerra tamén acompañaron aos estudantes nunha xornada que cualificaron como “o mellor día da nosa vida universitaria”. Ademais, Becerra foi a encargada de pronunciar a lección maxistral do acto cunha intervención sobre as mulleres no western e a transgresión que a obra Rápida e mortal supuxo neste xénero.