Desde este xoves sucederanse catro concertos
Primavera en clave de jazz na Casa das Campás
Alberto Conde, 3Azoteas, A Tempo Jazz e Jacobo de Miguel e Ton Risco, protagonistas do ciclo
A improvisación, a harmonía, o swing e a liberdade que caracterizan o jazz, reinarán na Casa das Campás a partir do vindeiro xoves grazas ao ciclo musical Campus Jazz, que reunirá algunhas das mostras galegas máis significativas deste xénero. Alberto Conde Cuarteto, 3Azoteas, A Tempo Jazz e o dúo formado por Jacobo de Miguel e Ton Risco son os artistas que marcarán o ritmo desta actividade da programación de primavera da Vicerreitoría do campus.
“A música era a materia pendente da programación primavera”, indica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e de Estudantes, e con este ciclo, esa eiva queda solucionada. Segundo explica, “as actividades de outono sempre están máis dedicadas á formación, mentres que nas de primavera prima o espectáculo: a danza, o teatro, o cine… e agora tamén a música”. O jazz precisa de públicos e espazos reducidos para saborear cada nota e apreciar o son, unha necesidade que casa á perfección coas dimensións da Casa das Campás. No deseño da programación, a Vicerreitoría contou coa colaboración da Asociación Galega de Música de Jazz (Agamujazz).
Integración de músicas
O cuarteto liderado por Alberto Conde será o encargado de abrir o ciclo o xoves 26 de marzo. Canda o saxofonista e frautista Roberto Somoza, o batería Miguel Cabana e o contrabaixo Kin García, Conde converterá o jazz nun elemento integrador das músicas do mundo e interpretará mostras da chamada Novamuiñeira.A "comunidade de veciños" que integran o baixista Pablo Pérez, o batería Miguel Quiexas e o teclista Iago Mouriño en 3Azoteas, tomará o relevo o 2 de abril. Cunha perspectiva aberta, este grupo, que emprega o seu nome como unha alegoría das diferentes inquedanzas de cada un dos seus integrantes e a sinerxía común que crean, ofrecerá unha mostra do seu repertorio.
A música de A Tempo Jazz, o cuarteto de Carlos Calviño, Óscar Rodríguez, Noli Torres e Sarunas Pupelis, será un exemplo do grao de globalización da música. No seu concerto, o 14 de abril, estarán presentes todas as achegas da cultura musical do século XX como o blues, rock, pop, reggae, música latina ou bossa. Campus Jazz poñerá o broche final o 21 de abril co dúo formado polo pianista Jacobo de Miguel e o percusionista Ton Risco. Todos os concertos comezarán ás 21.00 horas.