DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o profesor Landry-Wilfrid Miampika

O proceso colonial marcou a literatura africana escrita

Ofreceu unha conferencia na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 22/01/2008
Destacando o importante papel que a literatura xoga nas relacións culturais internacionais comezou o profesor Landry-Wilfrid Miampika, especialista en literaturas comparadas poscoloniais, a conferencia ofrecida na Facultade de Filoloxía e Tradución, na que fixo unha análise da creación dos escritores africanos desde unha perspectiva poscolonial.
Presentado pola profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemana, Ana Bringas, o congolés destacou a recente aparición das literaturas africanas escritas, que datan de principios do século XX. “A súa orixe sitúase no proceso de colonialismo sufrido polo continente, que supuxo a imposición dunha cultura, unha lingua, unha relixión e incluso unha educación novas”, tal como apunta Miampika, que engade que “os europeos precisaban demostrar que o modo de vida de África era salvaxe para xustificar a apropiación dos recursos, pero o xeito de colonizar foi inhumano, moi cruel e doloroso, marcado psicoloxicamente á poboación”.
A raíz da situación descrita xorden unha serie de literaturas escritas que contan coas características da diversidade e da pluralidade, entre elas, Miampika sitúa “as literaturas corais, os conxuntos escritos en linguas europeas, a literatura do Magreb e a escrita por africanos que viven fóra do continente”. Dentro da produción en castelán, o profesor congolés destaca a Guinea Ecuatorial, Camerún, Marrocos e Alxeria como os principais países onde o noso idioma ten cabida.
Por outra banda, como un dos principais problemas para o desenvolvemento da creación literaria apunta ao estado das condicións de produción, posto que “non é fácil editar os libros e aínda é máis complicado que se publiquen e se poidan ler, xa que a taxa de analfabetismo é considerable”, segundo comenta o relator, que engade que “pasamos polo tanto a falar tamén de dificultades na recepción, e , por este motivo, Europa xoga un papel importante na lexitimación da literatura ao non haber un sistema autónomo para que os escritores africanos desenvolvan a súa creatividade”.

Características das literaturas africanas escritas

“A presenza do sustrato oral, con ditos, fábulas e mitos, é unha constante na creación africana, trátase dunha apropiación do saber tradicional que se adapta á época contemporánea”. Deste xeito definiu Miampiki un dos trazos cos que segundo el afirma conta a literatura do continente negro, que ademais se caracteriza pola existencia dunha relación directa entre o individuo, a historia e a política, destacando temas como o das ditaduras políticas.

Landry-Wilfrid Miampika

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de La Habana e doutor pola Universidade de Alcalá de Henares, o congolés Landry-Wilfrid Miampika é “un dos máis recoñecidos especialistas no campo dos estudos africanos e leva moitos anos dedicado á divulgación desa cultura en diversos campos”, tal como afirma a profesora Ana Bringas. .
Miampika ten impartido conferencias, seminarios e cursos sobre literaturas africanas e caribeñas e temas de interculturalidade e migracións en distintas universidades españolas e estranxeiras. Ao mesmo tempo é coordinador de exposicións de fotografía e colaborador en diversas revistas e publicacións colectivas con artigos sobre xénero, literaturas e sociedade.
Actualmente reside en Madrid, onde, ademais de ser profesor de Filoloxía Francesa na Universidade de Alcalá de Henares, dirixe unha colección de literaturas francófonas en Edicións del Cobre e é correspondente en España da revista francesa Africultures.