Carteis con esta solicitude apareceron en escolas e facultades
Á procura de amante galego-falante no campus vigués
A persoa chegada do estranxeiro quere aprender galego
“Busco amante galego-falante”. Esta é a solicitude que encabeza as decenas de carteis que hoxe cobren as paredes de escolas e facultades do campus vigués, así como do Centro Comercial. Baixo o alcume de amantegalegofalante o autor ou autora dos carteis explica que acaba de chegar do estranxeiro e quere aprender galego.
“Busco unha relación comunicativa, libre, sen prexuízos”, pode lerse nos carteis que crearon unha grande expectación entre o estudantado. “Paréceme fenomenal que alguén que ven de fóra estea interesado en que lle aprendan o galego”, sinalaba unha estudante de Minas que tamén se amosaba disposta a atender a petición do misterioso ou misteriosa demandante de amante galego-falante. “Non me importaría quedar con el ou con ela, e logo a ver que xorde”, chanceaba un estudante de Económicas ante un cartel pendurado á entrada da Reitoría.
Precisamente o feito de que no cartel non se especifique se o potencial amante ten que ser un mozo ou unha moza, non parece preocupar a moitas das persoas que hoxe lían o cartel e que ademais teñen moi claro que máis alá de cuestións sentimentais, a relación serviralles para difundir o galego, ao tempo aprenden outra lingua. “Gústanos a idea de ensinarlle a nosa lingua a unha persoa que ven de fóra mentres aprendemos outro idioma”, din dúas estudantes de Telecomunicación.
Os estudantes estranxeiros tamén opinan
Mesturados nos taboleiros das escolas de facultades con infinidade de carteis con anuncios de todo tipo, o reclamo de Amante galego-falante, non pasou desapercibido nin pola súa cor, pero sobre todo polo seu contido. Incluso algúns dos 130 estudantes chegados do estranxeiro ao campus vigués nos últimos días, non son indiferentes a esta solicitude sobre a que, por exemplo, un estudante polaco de Filoloxía sinala: “É unha boa idea, aínda que para min un pouco arriscada. É que teño moza en Polonia”. Máis disposta amósase unha estudante alemá de Industriais que afirma: “Mágoa que non se me ocorrese a min! Ao mellor cópiolle a idea”.Quen queira poñerse en contacto coa persoa que se alcuma a si mesma amantegalegofalante, pode facelo en: webs.uvigo.es/contactos.