DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Anido, director da Área de Innovación Educativa:

“O profesorado precisa das ferramentas axeitadas para perfeccionar as súas habilidades”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 14/02/2008

Luis Anido (Lugo, 1973) é enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo, onde se doutorou no 2001. No seu currículo destaca unha ampla experiencia en proxectos relacionados coas novas tecnoloxías, onde a súa actividade investigadora ten sido recoñecida con varios premios. Na actualidade, ademais de profesor titular no Departamento de Enxeñería Telemática e Comunicacións, ocupa o posto de director da Área de Innovación Educativa.

Cal son os obxectivos desta área?
Actualmente o noso labor céntrase no desenvolvemento de programas de formación do profesorado. As accións son de dous tipos, a formación permanente dos docentes e as actividades de innovación educativa. No primeiro caso pretendemos dar continuidade ás accións que se veñen facendo ata o momento e identificar as iniciativas que poidan resultar de interese. En canto á innovación, traballamos na creación dunhas ferramentas que axuden aos ensinantes nos novos retos deste sector.

Que ámbitos abarcan os cursos?
Fundamentalmente temos programas de formación en novas tecnoloxías docentes e desenvolvemento das capacidades didáctica, así como un programa de acollida de profesores novos. Queremos que este colectivo se sinta arroupado pola institución e poida formarse para que dende o principio teñan claras as súas posibilidades na Universidade no desenvolvemento da súa traxectoria profesional, tanto como docentes como investigadores.

Que papel ocupa a teleformación fronte á ensinanza tradicional?
Tratamos de dar preparación complementaria aos docentes sobre o uso da plataforma Tema, o sistema de teleformación que ofrece a Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade. Ademais desas liñas máis innovadoras, non podemos descoidar a faceta do profesor como docente tradicional, nun aula, obradoiro ou laboratorio. Os docentes precisan das ferramentas axeitadas para poder perfeccionar as súas habilidades.

Como interpreta a elevada acollida do profesorado?
Cremos que o profesorado da Universidade ten unhas importantes inquedanzas para a mellora da súa formación. A mellor proba é que en calquera das accións formativas ofertadas a través de Bubela, aos poucos minutos de abrirse a inscrición, temos xa un número moi elevado de solicitudes. En dúas horas poden cubrirse unhas 120 ou 150 peticións. O profesorado é moi consciente de que hai unha serie de ámbitos nos que é posible mellorar a súa preparación e tenta facelo.

Cales son os ámbitos máis demandados?
O máis demandado é a formación para o emprego das ferramentas informáticas e telemáticas. Fundamentalmente desexan saber como elaborar material multimedia, para empregar tanto nas clases normais como a través de Tema, que habitualmente funciona como complemento da formación presencial. Non é propiamente teleformación, xa que a ferramenta é empregada como mecanismo de distribución. En lugar de deixar fotocopias nos servizos de reprografía, como se facía antes, agora realízase a través deste sistema informático. Polo tanto facilita o acceso á información por parte dos alumnos e, ao mesmo tempo, a calidade dos recursos é moito maior que unha simple fotocopia.