Organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte
O programa Augaventura propón unha primavera pasada por auga
Ofrece rafting, wakeboard, windsurf, mergullo, surf e unha ruta combinada á illa de San Simón
Unha primavera pasada por auga, pero non pola auga da chuvia, senón desfrutando de actividades deportivas e lúdicas nos ríos e rías galegas. Esta é a proposta do programa Augaventura, impulsado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte para este segundo cuadrimestre do curso. Nesta ocasión convídase á comunidade universitaria e á cidadanía a achegarse a disciplinas como descenso de rápidos, wakeboard, windsurf, mergullo, surf ou a participar na clásica ruta combinada á illa de San Simón, que comprende a práctica de caiac, andaina e snorkel.
Os prezos de cada unha das actividades depende da vinculación da persoa interesada coa Universidades de Vigo, xa que as contías varían segundo se trata de persoal ou estudantes, familiares, egresados, persoas xubiladas ou persoas alleas á institución.
Descenso de rápidos
O lugar elixido para o descenso de rápidos é a ponte internacional sobre o río Miño ao seu paso por Arbo. A actividade, que se organiza en colaboración coa empresa Arrepións, terá lugar o día 9 de maio e os prezos varían entre os 16,53 e os 33,07 euros, segundo o colectivo ao que se pertenza. O prazo de inscrición pecharase o 2 de maio. As e os participantes deberán levar traxe de baño, toalla, tenis para mollar e útiles de ducha. O resto do equipamento (casco e chaleco homologado, traxe e escarpíns de neopreno) corre a cargo da empresa. É obrigatorio saber nadar.
Ruta combinada á illa de San Simón
Unha das actividades máis clásicas da oferta de Augaventura é a ruta combinada á illa de San Simón, que inclúe caiac, andaina e snorkel. A cita será o 26 de abril e a inscrición estará aberta ata o día 20 do mesmo mes. En colaboración coa empresa Marexada, que se encargará de achegar o material preciso, as persoas participantes partirán da praia de Cesantes nunha travesía en caiac pola enseada de San Simón con paradas en puntos como a estatua de Xulio Verne. Unha vez na illa realizarase un percorrido guiado por este Ben de Interese Cultural. Se as condicións do mar o permiten, practicarase mergullo en superficie. Os prezos para esta actividade van entre os 22,05 e os 44,10 euros. Hai que levar chanclas, taxe de baño e toalla, mentres que o resto do material (licra, neopreno, chaleco salvavidas, gafas e aletas) corre a cargo da organización. As persoas participantes deben contar cunha condición física que permita meterse na auga, padexar, cargar coa embarcación e camiñar unha distancia aproximada duns 4 km.
Wakeboard
As persoas interesadas en achegarse ao wakeboard ou esquí acuático sobre táboa, poderán facelo o 27 de abril no peirao de Bouzas, nunha actividade que conta coa colaboración da empresa Tierra y Mar e cuxo prezo varía entre os 11,02 e os 22,05 euros. O prazo límite de matrícula é o 20 de abril. O material deportivo será facilitado pola empresa, as persoas participantes só precisan levar taxe de baño, chanclas, toalla e útiles de ducha.
Windsurf
Non falta nunca na programación de Augaventura o windsruf, desta volta con dúas citas, o 8 e o 22 de abril. A actividade terá lugar no peirao de Bouzas da man de Tierra y Mar, entidade que achegará o material deportivo. Os prezos varían entre 11,02 e 22,05 euros e a inscrición estará aberta ata o 1 e o 15 de abril, respectivamente.
Mergullo
As persoas interesadas no mergullo pero que non coñezan esta disciplina, terá a oportunidade de iniciarse na súa práctica o día 26 de abril na piscina do campus de Vigo da man da empresa Buceo Islas Cíes. Os prezos varían entre os 11,02 e 22,05 euros e a inscrición estará aberta ata o 19 de abril.
Bautismo de surf
Outra das actividades programadas será o bautismo de surf, con dúas datas programadas, os domingos 6 e 27 de abril, para as que se pode realizar a inscrición ata o 31 de marzo e o 20 de abril, respectivamente. A actividade desenvolverase en colaboración con Prado Surf Escola na praia de Patos, en Nigrán, e comprenderá unha sesión teórica previa e outra práctica que inclúe quentamento muscular, práctica de remada e explicación e práctica da técnica do stand up. Os prezos deste taller varía entre 7,35€ e 14,70€ segundo o colectivo. As persoas participantes só deberán levar traxe de baño ou bikini, chanclas e toalla; o resto do equipamento pono a empresa.