DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa Jean Monnet abre unha nova convocatoria para proxectos formativos e de investigación que afonden na integración europea

As solicitudes deben presentarse na ORI antes do 8 de febreiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/01/2008

Mediante cátedras, cursos e conferencias, a Unión Europea está a promover nas universidades unha cultura da integración que afonda no estudo da construcción da Europa Comunitaria. Estas actividades enmárcanse dentro do programa Jean Monnet, para o que se acaba de abrir unha nova convocatoria. Esta iniciativa comprende a concesión de subvencións de co-financiamento para a posta en marcha de cátedras, módulos europeos, centros de excelencia, asociacións de profesores, actividades e grupos de información e investigación.
Estas actividades, cuxas propostas teñen que ser presentadas antes do 8 de febreiro, deben ter como finalidade os estudos da integración europea, tanto no que se refire ás orixes da Comunidade como o seu desenvolvemento ou o papel da Unión, interno e externo, no diálogo entre os pobos e as culturas.
Na actualidade, a Universidade de Vigo xa ten aprobado un Centro Europeo de Excelencia, unha cátedra e dez módulos europeos.

Seis modalidades

Promovido pola Comisión Europea e xestionado pola Education, Audiovisual and Culture Executive Agency, o programa Jean Monnet comprende seis tipos de actividades. Por unha banda, fomenta a creación de Cátedras Jean Monnet, tanto clásicas como ad personam que serán dirixidas por profesores especializados en estudos de integración europea e comprenderán un mínimo de 120 horas de docencia por ano académico.
Outra das iniciativas é a posta en marcha de módulos europeos que comprendan cursos de curta duración cun mínimo de 30 horas. Estas actividades poden ser cursos introductorios sobre integración europea, cursos especializados ou de verán.
Os Centros Europeos de Excelencia Jean Monnet son outras das propostas para fomentar esta cultura europea. Integrando recursos científicos, humanos e documentais existentes nunha ou máis universidades, estes centros están orientados ao estudo e á investigación.
Nestes casos, o programa co-financia estas actividades por un período de tres anos pero, como contrapartida, a universidade comprométese a manter as novas ensinanzas creadas durante dous anos máis.
Xunto con cátedras, módulos e cursos, o programa Jean Monnet aposta tamén pola investigación fomentando a creación de asociacións de profesores e investigadores que contribúan aos estudo do proceso de integración europea. Paralelamente tamén se financian actividades de información e investigación relacionadas coa promoción do debate, a reflexión e o coñecemento sobre procesos de integración para a organización de conferencias, mesas redondas ou seminarios, incluíndo a produción de publicacións e ferramentas de comunicación.
Dentro da modalidade de proxectos multilaterais finánciase a creación de grupos de investigación co obxecto de crear unha rede académica que realice investigacións, seminarios e reunións conxuntas e elabore unha publicación académica ao finalizar o período de elexibilidade.

A presentación das solicitudes debe facerse antes do 8 de febreiro na Oficina de Relacións Internacionais.
Os impresos poden consultarse premendo aquí.