A iniciativa da Vicerreitoría de Internacionalización suma o portugués ao inglés
O programa One2One amplíase este curso cun ‘UmparaUm’
Coa finalidade de fomentar a lusofonía entre PDI, PTXAS e alumnado
Co obxectivo de ofrecer un espazo de aprendizaxe práctico e personalizado para mellorar a competencia lingüística dos membros da comunidade universitaria, a Vicerreitoría de Internacionalización e o Centro de Linguas da UVigo volven poñer en marcha o programa One2One. Esta opción de formación individual, dirixida a PDI, PTXAS e estudantado ofrece apoio lingüístico puntual para presentacións, defensas de traballos académicos, preparacións de proxectos ou mesmo para mellorar a fluidez do idioma, a través de sesións individuais con profesorado do Centro de Linguas.
Á asistencia en inglés súmase este curso como novidade o portugués, unha decisión que responde, segundo Óscar Ferreiro, director de Área de Plurilingüismo da UVigo, “á nosa estratexia de internacionalización, que inclúe o fomento da lusofonía como unha das súas prioridades. Ademais, a nosa situación lingüística, coa proximidade do galego ao portugués, fai que sexa unha oportunidade natural para atraer estudantes de países lusófonos, especialmente de Brasil e Portugal”. Neste sentido, Ferreiro tamén lembra os numerosos convenios e actividades que a UVigo ten en marcha con países de lingua oficial portuguesa (Palop), ao tempo que asegura que a inclusión do portugués “non se trata tanto dunha demanda explícita previa, senón dun obxectivo estratéxico a longo prazo, onde consideramos clave a captación de estudantado destes países”.
Respecto da pasada edición, One2One non incluirá o alemán, que foi unha incorporación específica, e que desta volta non volverá ofrecerse por razóns organizativas e de demanda. “Este ano decidimos fortalecer o portugués e consolidar o inglés, que segue a ser a lingua franca para moitas das nosas actividades internacionais. Non obstante, non descartamos que outras linguas, como o alemán , poidan volver, ou mesmo sumar o italiano e o francés, entre outras”, avanza Ferreiro.
A matrícula no programa segue a ser gratuíta, co obxectivo, sinala o director de Área de Plurilingüismo da UVigo de incentivar a participación de toda a comunidade universitaria e promover a internacionalización de maneira accesible e inclusiva.
Encontros individuais virtuais con docentes do Centro de Linguas
As persoas solicitantes do programa One2One, que poderán matricularse en calquera momento ao longo do cuadrimestre, manterán encontros individuais virtuais duns 50 minutos de duración con docentes do Centro de Linguas, que se adaptarán ao nivel de conversa do alumnado, PDI o PTXAS, axudándoos coas súas demandas concretas que poden ir de traballar nalgún relatorio que teñan que presentar nun evento científico, a presentacións de TFGs ou TFMs, prácticas de tarefas que deben desenvolver nos centros de traballo ou mesmo unha conversa informal para mellorar a fluidez.
“Ademais da novidade do portugués, seguimos ampliando o número de prazas dispoñibles e adaptándonos ás necesidades da nosa comunidade universitaria, tal e como nos viñeron demandando as persoas interesadas ao aplaudir este tipo de iniciativas”, detalla o director de Área de Plurilingüismo da UVigo.
Máis dun cento de participantes na primeira edición
119 persoas participaron na primeira edición de One2One, que se desenvolveu no segundo cuadrimestre do curso pasado, e na que o PDI foi o colectivo maioritario cun 88%, seguido do estudantado cun 12%.
En canto ás solicitudes realizadas polas persoas participantes, traballar a fluidez foi a primeira, seguida das prácticas de exposicións orais, de tarefas no centro de traballo e por último as de comunicacións en congresos. “As principais consultas xiraron arredor da mellora de competencias comunicativas, tanto para situacións académicas en comunicacións e congresos, como para practicar exposicións”, detalla Ferreiro, que sinala que coa introdución do portugués agardan atender tamén as solicitudes relacionadas coa colaboración con universidades e institucións lusófonas.