A andaina terá lugar este sábado 26 de abril
A programación de rutas culturais deste curso rematará cunha etapa do Camiño dos Faros
As persoas participantes percorrerán o tramo entre Arou e cabo Vilán
Este sábado, 26 de abril, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organiza a décima e última andaina cultural deste curso académico 2024/2025. Para pechar esta programación elixiron unha etapa do Camiño dos Faros, concretamente a que vai desde a localidade de Arou ata o cabo Vilán, en Camariñas. Este percorrido pola Costa da Morte, indican desde a súa organización, transcorre por “praias virxes, o Cemiterio dos Ingleses e o emblemático faro Vilán, o primeiro faro de España en funcionar con luz eléctrica, que se ergue como testemuña das duras condicións do Atlántico”. Cunha dificultade media, a andaina conta con 17 quilómetros que descorren ao carón da costa coruñesa.
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo.
Con esta andaina pecharase unha programación que este cuadrimestre levou a membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela a Covelo e o serradoiro dos Carranos; á Ribeira Sacra por Castro Caldelas; á devesa da Rogueira, no Courel; ao Camiño de San Rosendo e ao xacemento Aquis Querquennis, en Bande e ás Fragas do Eume.