Coa aplicación do proxecto Cooperar para Aprender/Aprender para Cooperar
Unha publicación recolle a aposta pola aprendizaxe cooperativa da Facultade de Educación e Traballo Social
A iniciativa conta coa participación de medio centenar de profesoras e profesores
O desafío da aprendizaxe cooperativa na universidade. Con este título preséntase unha nova publicación feita desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense na que se recolle a aposta deste centro pola aprendizaxe cooperativa. Concretamente, nela pódese coñecer en detalle a aplicación nos seus catro graos (Educación Infantil, Educación Primaria, Traballo Social e Educación Social) do seu proxecto de innovación docente Cooperar para Aprender/Aprender para Cooperar.
O libro, publicado pola editorial Narcea, recolle textos de arredor dunha trintena de profesoras e profesores deste centro, estando como editoras Almudena Alonso, Isabel Mociño, María Ainoa Zabalza e Breogán Riobóo, docentes cunha ampla experiencia en procesos formativos e de innovación docente. Segundo explican desde a súa organización, a publicación “presenta unha experiencia práctica de transformación na docencia universitaria para cooperar aprendendo e, á vez, aprender a cooperar”.
No marco do Espazo Europeo de Educación Superior, recolle o libro editado, “a aprendizaxe colaborativa, tanto desde o punto de vista docente como das boas prácticas nas aulas, emerxeu como o paso esencial para a expansión dunha nova forma de ser, estar, ensinar e aprender” nesta facultade. O reto no cambio de metodoloxías supuxo, engádese, responder explicitamente ao modelo de aprendizaxe baseado en competencias e a aprendizaxe ao longo da vida. “Cada ano, o alumnado gradúase e inicia a súa traxectoria profesional sen desenvolver e afianzar as súas habilidades nunha competencia transversal e esencial en calquera profesión ou disciplina: o traballo en equipo, polo que fomentar este traballo en equipo segue sendo unha prioridade nas nosas aulas universitarias”, afirman as e os autores da publicación.
Da teoría á práctica
Neste contexto, a posta en marcha do proxecto Cooperar para Aprender/Aprender para Cooperar, detallan as e os seus responsables, tivo lugar no curso 2022/23 coa implicación de medio centenar de profesorado da facultade. A publicación, que recolle a experiencia do seu primeiro ano de aplicación, parte dun proceso de acompañamento e formación do profesorado que favoreceu a implementación da aprendizaxe cooperativa nas catro titulacións do centro, analizando os primeiros resultados e impactos nos procesos de ensino-aprendizaxe.
Concretamente, o manual proporciona unha base teórica combinada con procedementos prácticos para transformar a docencia de maneira gradual. Inclúe exemplos prácticos da implementación en diferentes materias e cursos, recollendo as opinións e experiencias do propio alumnado. Deste xeito, arranca cun achegamento á aprendizaxe cooperativa na universidade para logo abordar as experiencias desenvolvidas en tres ámbitos. O primeiro destes ámbitos é a cohesión de grupo, con dinámicas para fomentar a participación e o coñecemento mutuo e os equipos cooperativos. O segundo é o traballo en equipo como recurso e as estruturas cooperativas simples e o terceiro o traballo en equipo como contido. Remata a publicación explicando a continuidade da iniciativa.
Facendo unha valoración moi positiva da experiencia desenvolvida estes dous anos, desde a súa organización destacan que “nunha facultade como a nosa, na que coexisten catro titulacións de grao e multitude de áreas e departamentos, supuxo a creación de algo que levabamos reclamando facía tempo: a creación de espazos de reflexión e debate conxunto e de formación compartida entre o profesorado”. A iniciativa, detallan, terá continuidade cun novo proxecto centrado xa na aprendizaxe servizo e a aprendizaxe baseada en proxectos, destacando “o compromiso e implicación do profesorado da facultade” coa innovación docente. A publicación presentada este luns na Facultade de Educación e Traballo Social está dispoñible en Internet para a súa descarga.