Os postos dos Martes Convida ensinan á comunidade universitaria as claves dunha boa dieta
Que almorzas antes de vir ao campus?
Nesta edición os interesados tamén poden doar sangue e analizar o estado dos seus pulmóns
Os postos dos Martes Convida están de novo en marcha no campus de Ourense para fomentar unha vida saudable física, psíquica e socialmente e veñen con varias novidades. Deste xeito, os membros da comunidade universitaria que este mes e o que vén se acheguen aos seus stands poderán, entre outras moitas cousas, coñecer as claves dun bo almorzo, analizar a cantidade de monóxido de carbono que teñen nos pulmóns, para ser conscientes do efecto do tabaco, e poderán doar sangue no momento nun autobús do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia. Tres novas iniciativas coas que se quere dar un paso máis na busca dunha mellor calidade de vida das persoas.
Este martes os postos da iniciativa, financiada polo Consello Social da Universidade de Vigo, estiveron no Edificio de Ferro, contando coa participación principalmente do alumnado das facultades de Historia e de Ciencias da Educación. As persoas que se achegaron puideron, como en anteriores ocasións, recibir de balde información sobre hábitos de vida saudables en diferentes eidos, como a sexualidade, o deporte, o tabaco ou o consumo de drogas, e puideron revisar a súa dieta e analizar o seu estado de saúde física, fixándose en aspectos como a tensión, o pulso e a glucemina.
Lácteos, cereais e froita, no formato que sexa
“Nesta edición, no caso da alimentación, ademais de analizar a dieta das persoas e explicarlles o modelo ideal a seguir, dámoslles consellos para facer a compra e para interpretar as etiquetas dos produtos. Pero sobre todo insistimos en que interioricen as claves para tomar un bo almorzo antes de vir ao campus. Algo moi sinxelo e asequible de facer pero que non todos fan”, explicou Laura Castro, que colabora coa Área de Ciencias e Tecnoloxías dos Alimentos nesta iniciativa. “Lácteos, cereais e froita. Estes son os tres elementos que non poden faltar nun almorzo”, destacou Julia de la Montaña, docente do campus de Ourense. Segundo explicaron estas expertas, despois de durmir unhas oito horas, para comezar o día con bo pé e un cerebro activo é recomendable tomar un iogur ou vaso de leite; cereais, sexa en formato gallega, torradas ou cereais propiamente, e froita, sexa unha peza ou en forma de zume. “Os coidados aos 20 anos son as pastillas que te evitas aos 40 e un almorzo saudable é moi sinxelo de organizar, non hai escusas”, apuntou Julia de la Montaña.Monóxido de carbono nos pulmóns debido ao tabaco
Outras das novidades que máis chamou a atención dos asistentes a esta nova edición dos Martes ConVida foi a posibilidade de medir o monóxido de carbono que hai nos pulmóns empregando un aparello de cooximetría que, tan só soprando, calcula a presenza deste elemento no corpo. Canto máis fumes, explicábanlle os enfermeiros aos interesados, máis altos van a ser os niveis obtidos e canto máis se viva nunha contorna de fumadores tamén máis presenza de monóxido de carbono haberá. Para os non fumadores non foi unha sorpresa ter un cero nesta análise pero para aos fumadores que se someteron á proba si tivo certo impacto saber que no seu interior estaba efectivamente o monóxido de carbono.Por último, a todas as persoas que se achegaron aos postos se lles recomendou que acudiran ata o autobús do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia situado diante do Edificio de Ferro, onde ao longo da mañá a comunidade universitaria amosou o seu lado máis solidario doando sangue. Con esta nova incorporación aos Martes ConVida, os seus promotores queren axudar a rachar o descenso de doazóns que se vén detectando no eido universitario nos últimos meses.