DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova:

“O que diferenza a nosa caixa do resto das españolas é a orientación empresarial”

Durante unha conferencia da Cátedra Álvarez Ossorio

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 17/01/2008

A participación empresarial de Caixanova, o plan de expansión para os dous próximos anos e as aportacións que desde a entidade se teñen feito co obxectivo de modernizar Galicia son os eixes sobre os que xirou a conferencia que Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, ofreceu dentro das actividades da Cátedra Álvarez Ossorio, creada pola Universidade en colaboración coa Escola Naval Militar de Marín.
Fernández Gayoso comezou a súa intervención destacando “a dimensión que Caixanova ten acadado dende o ano 1998” como un dos principais puntos de apoio cara a expansión internacional, posto que “a pretensión para o futuro é chegar a ser a caixa española de referencia fóra das nosas fronteiras”, afirmou.
Por outra banda, o presidente de Caixanova aludiu á diferenciación como unha das clave do éxito da entidade, sinalando que “o que fai que a nosa caixa sexa única en España é que o 63% da carteira de créditos está en mans de empresas, e isto convértese nun modo de actuar propio”. Esta filosofía baséase na crenza de que apoiando ao mundo económico e empresarial estase axudando ao mesmo tempo ás familias, xa que é aí onde se crea emprego.

Participación e expansión empresarial de Caixanova

“Aparte da actividade crediticia, Caixanova axuda ás empresas mediante a participación directa”, apuntou Fernández Gayoso, e como exemplo desta realidade sinalou, a nivel estatal a propiedade do 5% do capital de CLH, o 20% de Julián Martín, o 5,5% de Sacir Vallehermoso e o 2,6% dos hoteis NH.
Xa en territorio galego e portugués, Gayoso destacou que “a caixa nacida en Vigo conta co 13,5% do accionariado da Autopista Central Galega, o 34% de Monbus, 5,02% de Unión Fenosa, o 28,51% da Cidade Universitaria e o 100% de Sogevinus, unha empresa coa que Caixanova conseguiu alzarse como líder a nivel internacional na distribución de viños de Oporto”.
Segundo palabras de Fernández Gayoso, “Caixanova pretende ter nos próximos dous anos o 20% da súa actividade fóra de España” e para isto dispón de 430 oficinas en territorio galego, 60 na comunidade de Madrid, 135 no resto de España e 25 no estranxeiro. Portugal, Suíza, Alemaña, Francia, Venezuela, México, Brasil e Arxentina son algúns dos países nos que Caixanova xa conta cunha presencia relevante, e mesmo “nos EE.UU somos a única caixa española que ten a máxima categoría”, tal como afirma Gayoso.

Obra social

Referíndose á obra social como “un dos sinais de identidade que máis distingue a Caixanova”, Gayoso enumerou unha longa lista de proxectos cos que a organización que dirixe ten axudado ao desenvolvemento de Galicia. Deste xeito, destacou, entre outras accións, “a creación dunha rede de infraestructuras que vertebran a comunidade, a apertura do mercado das telecomunicacións á sociedade galega a través de R, a recuperación de edificios singulares, a axuda para a creación da Universidade de Vigo, o respaldo á viabilidade do sector naval e o despegue do sector audiovisual coa creación de Filmanova”.