O profesor Xosé M. Pacho Blanco presenta o seu novo libro este luns na Feira do Libro de Vigo
‘O que non ten prezo’, a viaxe arredor do mundo que radiografía a esencia do ser humano
Reflexiona sobre un mundo en transformación e empápase de todas as vidas para entender “que nos une"
Pode que os cartos non o merquen todo, que non dean a felicidade, pero poden cambiar o mundo, ou polo menos tentalo. Esa é a esencia de O que non ten prezo, o novo libro do profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Xosé M. Pacho Blanco, no que narra unha viaxe dende Galicia ata a India, “transitando por todos os lugares que poidamos imaxinar e empapándose de todas as vidas para entender o que realmente nos une”, como destacan dende a editorial Galicia, responsable da publicación da obra. A través desta viaxe, o autor pescuda na esencia do ser humano e percorre diferentes lugares nos que “se agochan personaxes que gozan da felicidade, que cobizan o amor, o sexo e a beleza”.
Docente, avogado e responsable de Normalización Lingüística na súa facultade, esta non é a primeira novela de Pacho Blanco, que é o único escritor galego gañou os dous principais galardóns da literatura galega: o Premio Torrente Ballester, con A choiva do mundo, e o Premio Rafael Dieste coa obra Teatro ou xeitos de cargar un arma, ademais do V Premio Diario Cultural con Paraísos.
Unha viaxe pola xeografía humana e un mundo en transformación
O fío condutor da novela son os cartos, o diñeiro, que permite coñecer unha serie de personaxes aos que “lles van pasando cousas, como nos acontece a todas as persoas nas nosas vidas. Estamos aquí, acolá, viaxamos, levamos alegrías, sufrimos problemas, soñamos con que todo poida mudar. E case sempre seguimos adiante, e o mundo avanza por camiños ás veces inesperados”. Neste sentido, Pacho subliña que a literatura “é un espello da sociedade, e ese espello pode reflectir, o bo ou o malo. Esta novela tenta reflexionar sobre as cousas que nos importan como seres humanos, e que nos condicionan”.
Como explica o autor, o libro “xurde dende a idea de que a literatura, a creación, é un xeito de pensar o mundo. A través da creación formulámonos preguntas sobre a sociedade, sobre nós, sobre os dilemas morais, sobre o correcto e o incorrecto, en definitiva sobre a vida. Se crear ten un sentido é o de interpelarnos sobre o que somos e o que queremos ser”. En concreto, O que non ten prezo tenta reflexionar sobre un mundo que se está transformando, “antes o diñeiro físico estaba presente, agora pasou a un segundo plano, aínda que seguimos sendo fillos e fillas dun sistema económico onde os nosos soños teñen un prezo”.
De Compostela á India
Ademais dun percorrido pola esencia do ser humano, O que non ten prezo é tamén un percorrido xeográfico por unha chea de lugares polos que os personaxes transitan. Comeza en Santiago e remata en Goa, na India, que fora colonia portuguesa, pero tamén aparecen vilas e cidades galegas, españolas, como Barcelona, e tamén de outros países, como Milán. “Se o pensamos”, destaca Pacho Blanco, nunca houbo máis mobilidade que nesta época, ou por mellor dicer, nunca o mundo estivo tan interconectado”.
Presentación este luns
O profesor Pacho Blanco presentará o libro este vindeiro luns 1 de xullo na Feira do Libro de Vigo, ás 19.30 horas, na carpa número 1 de editorial Galicia, na praza de Compostela.