Francisco García Tortosa, presidente de la Asociación Española James Joyce:
"O que é quen de chegar ao “yes” final do Ulises queda enganchado”
A celebración en Vigo dos XIX Encontros da Asociación Española James Joyce confirmou o interese que o autor irlandés segue a espertar non só entre os sectores máis especializados, se non tamén entre os simples lectores. Os encontros organizados polos profesores do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo, Teresa Caneda e Martín Urdiales, volveron poñer de manifesto que o estudo da obra do autor de Ulises, ten ante si un sólido futuro, algo que confirma nesta entrevista Francisco García Tortosa, presidente da Asociación Española James Joyce.
Que valoración fai dos XIX Encontros que a Asociación Española James Joyce celebrou en Vigo?
Moi positiva. Diría que tal vez o máis destacable, o que en parte distinguiu estes encontros, foi a participación de persoas novas que están facendo o doutorado, ou que o van facer. Unha situación que resulta estimulante dado que aínda que para que os que levamos moitos anos estudando a Joyce, non se digan moitas cousas novas, si denota que detrás de nós virán moitos outros que seguirán o traballo de Joyce.
A celebración dos Encontros e os traballos que se seguen a realizar e que teñen a Joyce como protagonista, confirman que o futuro está asegurado para aqueles que queiran seguir afondando no legado do autor irlandés?
Si, desde logo. De Joyce dise que se escribe tanto como de Shakespeare que é o autor universal sobre o que hai máis cousas escritas. Pero nos últimos anos Joyce vai alcanzando a Shakespeare. Queda moito, por exemplo da súa derradeira obra Finnegans Wake e de feito xa o dixo el cando afirmou que lle daba traballo aos profesores de universidade para 200 anos. Seguramente eses 200 habería que amplialos aínda máis só pola súa derradeira obra.
Onde radica o atractivo que ten Joyce para moitas persoas. E no caso de aquelas que aínda non se atreveron ou fracasaron ao intentar achegarse a Joyce, recoméndalles que se inicien co Ulises, ou mellor descartalo?
Eu aconsello que comecen co Ulises pero a primeira lectura no deben preocuparse se ao final comprenderon só un terzo da novela. Sempre digo que o que consegue chegar ao yes final, queda enganchado e volverá outra vez a lelo. Creo por experiencia propia e allea que o Ulises comézase a disfrutar a partir da terceira o cuarta lectura. A xente bótase as mans a cabeza e di: como o vou ler tantas veces!, pero si que paga a pena.
O que non recomendo para unha primeira lectura do Ulises son as guías, se non tratar de enfrontarse ao libro aínda que non se comprendan moitas cousas. O que lea Ulises unha primeira vez, volverá lelo máis veces.
Volvendo á celebración da última edición dos Encontros, por que optaron por Vigo? Ata que punto resultou determinante a influencia que Joyce tivo e ten, ademais de en profesores, en escritores como Julian Ríos?
A elección dunha sede é por unha razón e no caso de Vigo hai moitas persoas que traballan por Joyce. No caso da Universidade de Vigo, Teresa Caneda é unha persoa moi respectada que escribiu moito, sobre todo sobre Retrato do artista adolescente. Ela é unha persoa respectada en España, pero tamén fóra.
Por outra banda, Julian Ríos é de Vigo e é probablemente dos escritores españois actuais, o que segue máis de cerca a pegada de Joyce. Teño agora na man o último libro de Ríos, Cortejo de sombras, publicado por Círculo de Lectores. É unha colección de narracións curtas que alguén diría que non segue a Joyce, pero eu despois de lelo ben, creo que si segue a Joyce na súa primeira obra Dublineses, falando moito de Vigo e das vilas de arredor como Moaña. Teño a impresión de que os relatos desenvólvense nas vilas arredor da ría de Vigo.
Se o futuro de Joyce está garantido, pódese dicir o mesmo no caso da asociación que vostede preside?
Comezamos hai 19 anos en Sevilla. Entón eramos dez ou doce e agora nos últimos encontros celebrados en Vigo, superamos os 130 inscritos. É unha mostra de que hai Joyce para moitos anos e é probable que se incremente o número de persoas, por que non todos son profesores, se non que nai afeccionados doutras profesións, entre eles moitos xornalistas.
Joyce é probablemente o escritor universal máis coñecido dentro e fóra de España, e iso atrae. A nosa asociación vai ano a ano de universidade en universidade e sempre hai un grupo novo que ven escoitar e queda. O vindeiro ano será en Deusto, Bilbao, e espero que haxa persoas que se unan á nosa peregrinación.