DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo as conclusións das mesas redondas “LADE: saídas profesionais”

Rápida inserción laboral, baixo nivel de paro e versatilidade caracterizan aos titulados en Administración e Dirección de Empresas

Coa participación de destacados empresarios e economistas de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 14/05/2008

Os licenciados en Administración e Dirección de Empresas caracterízanse pola súa rápida inserción no mercado laboral, o baixo nivel de paro co que contan e a súa versatilidade para ocupar diferentes postos de traballo. Estas son as conclusións ás que se chegaron nas mesas redondas organizadas pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense nas que se analizaron as saídas profesionais da titulación. Nelas, destacados economistas da cidade contaron as súas propias experiencias ao rematar os estudos e aconsellaron aos alumnos á hora de encamiñar o seu futuro.
O vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez confirmou que alumnos de LADE tardan “uns tres meses en atopar o seu primeiro traballo, mentres que a media do resto de titulacións é de case o dobre” comentou. Ademais, o seu salario ao comezar “xira en torno aos 1200 euros e son solicitados para múltiples postos” apuntou. Pola súa banda o decano da facultade, José Carlos Yáñez, ratificou eses datos baseándose en estudos sobre o nivel de colocación que se están a facer das diferentes carreiras cara á adaptación ao EEES e engadiu que “se ben a demanda de profesionais é moi alta e o nivel de paro baixo, é necesario ter unha boa formación, e ademais, especializarse”.

Formación continua e humildade, claves do éxito

Os participantes nas dúas mesas redondas que tiveron lugar no Edificio Xurídico Empresarial, aportaron diferentes visións dos diferentes campos nos que os titulados poden desenvolverse profesionalmente. As finanzas, a banca, a administración pública, a docencia, a auditoría, os recursos humanos e a contabilidade, estiveron representadas por responsables de firmas como Roberto Verino ou entidades financeiras como Caixa Galicia, entre outras. Pese á súa variada procedencia, todos coincidiron en que para acadar grandes postos directivos hai que comezar por abaixo, realizando todo tipo de tarefas e aprendendo con paciencia e humildade. Precisamente Ángel Pascual, decano do Colexio de Economistas e moderador da primeira mesa, resaltou que “é fundamental estar ao día e apostar pola formación continua, porque non todo está na carreira, pero sobre todo, non rexeitar ningún traballo”. Na mesma liña, Mª Jesús González, antiga alumna de facultade e actual directora de Administración de Construccións ALEA aconsellou “que non se vos caian os aneis por facer de todo, hai que aproveitar para coñecer o funcionamento dunha empresa en todos os postos, para así, chegado o día, saber mandar” dixo.
Ademais, nun mundo tan cambiante como é o empresarial, a formación continua é imprescindible, “non podedes estancarvos, e iso é unha responsabilidade vosa” dixo Joaquín Diéguez, conselleiro de Dimotex S.A. Pola súa banda, Manuela Seguín, da Asesoría FIDEI engadiu ao respecto que “nunca foi tan fácil aprender como agora. Tedes posibilidades presenciais ou a distancia, así que aproveitádeas porque a clave do éxito está en saber moito de algo e un pouco de todo” concluíu.