DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola ONG en colaboración coa Vicerreitoría do campus

O recadado no partido solidario entre profesores e alumnos salvará 1400 vidas

Os estudantes venceron aos profesores 8-4

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 07/04/2008

Solidariedade, diversión e incluso bo fútbol foi o que se viviu na fin de semana no pavillón de deportes do campus con motivo do partido que alumnos e profesores disputaron en beneficio da ONG Unicef. Baixo o lema Únete pola infancia con Unicef, os organizadores recadaron un total de 700 euros coa venda de localidades entre unha comunidade universitaria plenamente comprometida coa iniciativa e que puido ver, aínda que era o de menos, como os estudantes venceron por oito goles a catro.
Dende o Servizo de Deportes, Rodrigo Alberte sinalou que “a experiencia foi moi boa. Participaron profesores de todas as facultades e acudiron o vicerreitor, Juan Francisco Gálvez e a presidenta da Unicef en Ourense, Consuelo Nogueira”. Entre os 11 docentes que disputaron o encontro destacaron coñecidas figuras do campus como Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, ou os ex decanos Jose Antonio Fraiz Brea, e Xosé Manuel Cid.

700 entradas vendidas

Nuria Diéguez, vocal de Unicef e coordinadora do partido amosouse moi satisfeita polo resultado do mesmo. “Foi un partido moi bonito polo que representaba, pero tamén porque houbo xogadas de calidade e bos momentos futbolísticos” explicou. De todos os xeitos remarcou que “o importante era sensibilizar á xente e conseguimos unha implicación total por parte dos alumnos, dos profesores e da Vicerreitoría do campus, polo que é moi probable que repitamos para o ano que vén”.
En total se venderon 700 entradas, a un euro cada unha “porque queríamos chegar a todas as economías e que todos puideran participar, como así foi” dixo. “Con eses 700 euros poderemos salvar 1400 vidas en África, principalmente, porque con só 50 céntimos se pode salvar a un neno desnutrido” comentou.