Co gallo do centenario da creación da Xunta para a Ampliación de Estudos
“Redes de coñecemento” repasa a historia da ciencia en Galicia dende o ano 1907
A exposición poderá ser visitada ata o 7 de febreiro
1907 é o ano de partida da exposición que estes días o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Fundación Caixa Galicia presentan co obxectivo de facer un percorrido polos primeiros pasos da ciencia na nosa comunidade. Baixo o título Redes de coñecemento, a mostra parte da creación da Xunta para a Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, feito que marca o nacemento desta disciplina en Galicia posto que ata ese momento existía a universidade, pero era fundamentalmente literaria. Así, un dos eixos centrais da exposición é a reconstrución dos momentos decisivos da creación, consolidación e desaparición da JAE, o proxecto máis importante de actualización da nosa ciencia contemporánea.
Contido da exposición
A mostra, que conmemora o centenario da investigación, está composta por dez módulos informativos con datos sobre personaxes e institucións relevantes no proceso de desenvolvemento da ciencia. Entre eles podemos atopar retratos e documentos de persoeiros da talla de Varela de Montes, Alfonso López, Varela de la Iglesia e Montero Ríos, ademais de ver a primeira radiografía realizada en Pontevedra, a maqueta dunha lancha cañoneira do século XVIII, a balanza de Batuecas, o densímetro de Pacquet, o espectroscopio de Antonio Casares ou a recreación do despacho de Cruz Gallástegui.Este percorrido pola vida científica en Galicia tamén deixa oco para outra das institucións importantes da época como é o Seminario de Estudos Galegos, institución cultural fundada no 23 para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego, ademais de formar investigadores.
17 institucións e 28 persoas prestaron documentos e asesoramento para levar a cabo este proxecto, no que a presenza da cidade olívica é mínima, posto que o seu papel no proceso de fomento científico en Galicia foi pouco relevante contando só co Laboratorio do Instituto Español de Oceanografía, creado en 1918. Habería que agardar ata 1951 para que o CSIC crease en Vigo o Instituto de Investigacións Marinas.
A mostra, comisariada por Xosé Antonio Fraga e coordinada por Rafael Sisto Edreira, poderá ser visitada ata o 7 de febreiro no seguinte horario: de luns a sábados, de 12:00 a 14:00h e de 18:00 a 21:00h; e os domingos e festivos, de 11:00h a 14:00h