Ata o 17 de febreiro na Casa do Mestre en Cela (Bueu)
Unha reflexión sobre a vida diaria nas grandes cidades é o motivo da exposición "A cidade dende fóra"
A artista é a profesora de Belas Artes, Silvia García
Ata o próximo 17 de febreiro poderase visitar a exposición A cidade dende fóra. Diagramas fotográficos e arquivos que se inaugurará este venres 18 de xaneiro na Casa do Mestre en Cela (Bueu). Neste caso a artista é a profesora da materia Extensión e repercusión de linguaxes artísticas da Facultade de Belas Artes, Silvia García, quen amosará unha serie de fotografías de distintas cidades de toda Europa desde un punto de vista diferente. Non se trata dunha exposición de imaxes de lugares turísticos senón que a autora pretende mostrar a vida diaria desas cidades que inmortalizou coa súa cámara.
Con este proxecto os visitantes poderán coñecer distintos itinerarios posibles de lectura das metrópoles pero, segundo a artista, “dende fóra porque a realidade da xente que vive nos arredores das cidades, céntrase na propia cidade”, explica Silvia García e engade que “con estas fotografías intento facer o contrario, ver a cidade dende as aldeas, dende as vilas máis pequenas”. De feito, a razón pola que se escolleu a Casa do Mestre na pequena localidade de Cela (Bueu) para facer a exposición, foi precisamente que se trata dun lugar que, polas súas características xeográficas, pasa a ser algo máis que o escenario da mostra, formando parte da propia obra. Como di a autora “este espazo non é un lugar de exposición ao uso, é aínda un lugar de aprendizaxe e de encontro para os veciños, e por iso foi escollido, por ser un lugar onde, coma unha pizarra, os arquivos e as fotografías propóñennos unha experiencia a cada quen”, comenta Silvia García.
A inauguración da mostra terá lugar ás 18.30 horas e como non é moi sinxelo chegar ata alí, pódese visitar esta web onde se inclúe un mapa de acceso http://acidadedendefora.blogspot.com
A artista
Silvia García González (Cangas de Morrazo, 1973) actualmente é profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e anteriormente traballou durante sete anos no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago. Coma artista ten participado en diversas exposicións en Compostela e Porto, ademais de realizar en variadas ocasións performance para o CGAC en Vigo e Santiago.