Na Galería Sargadelos ata o 6 de xuño
A relación entre a muller e a arte artella a exposición “Rosas y corazones”
As artistas forman parte do grupo de investigación ES2 de Belas Artes
O bionomio arte e muller e as cuestións relacionadas co xénero guían boa parte do traballo do grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes, codirixido por Yolanda Herranz e Jesús Pastor. A investigación neste campo debe confluír na creación e por iso o grupo vén de inaugurar a exposición Rosas y corazones na Galería Sargadelos da cidade. Ata o 6 de xuño o público que alí se achegue poderá coñecer o traballo da propia Yolanda Herranz pero tamén de Celeste Garrido, Sonia Tourón, María Covadonga Barreiro, Nuria Ruibal, Noemí Lorenzo, Laura Piñeiro e Basilisa Fiestras.
“É importante sinalar”, comenta Herranz, “que todas elas son artistas universitarias, que teñen formación académica e os seus traballos sempre teñen unha base conceptual”. Así, as pezas presentadas acotan a relación da experiencia creativa e a condición feminina e, desde ese lugar, profundizan na relación entre a muller e a arte, desde visións estéticas, críticas, políticas e de mercado, dentro do panorama internacional, español e galego.
Nestas artistas, que gozan de diferentes bolsas para desenvolver a súa actividade, a investigación e a creación están indisolublemente vinculadas e nas obras seleccionadas para a exposición reflíctense dúas das principias liñas de investigación do grupo: a experiencia creativa e a condición feminina e a atención ao corpo como un problema, un lugar, un material e unha experiencia do proxecto artístico.