DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección de "Tideland" de Terry Gilliam

Remata "Cinema Europeo", o ciclo de películas en versión orixinal

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 28/11/2007

Coa proxección da película Tideland de Terry Gilliam, remata o ciclo de estreas en versión orixinal Cinema Europeo que ao longo dos mércores de novembro tivo lugar no CineBox de Ourense en colaboración co Cineclube Padre Feijoo. Contouse tamén co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, e máis da Vicerreitoría do campus.
Os pases terán lugar no CineBox do centro comercial Ponte Vella ás 20:30 e 23:00 horas e o custe das entradas é de 4 euros. Tralo éxito obtido na proxección das películas anteriores 2 días en París e Nuevo Mundo dende a organización están xa a traballar nunha nova edición para principios do vindeiro ano.

Tideland

Tideland é unha homenaxe ao poder da imaxinación infantil. Jeliza-Rose, a protagonista, ten uns pais drogadictos. Cando morre a súa nai, comeza unha estrana viaxe co seu pai, un músico de rock pasado de moda. Jeliza-Rose escapa da inmensa soidade da súa nova casa e entra nun mundo de fantasía que só existe na súa imaxinación. Neste mundo, os vagalumes teñen nomes, os homes de barro espertan ao anoitecer e os esquíos falan. Os seus confidentes son as cabezas de catro bonecas, separadas dos seus corpos hai moito tempo, ata que coñece a Dickens, un rapaz diminuído psíquico coa mente dun neno.
O filme, que recibiu o Premio Fipresci (o premio da crítica internacional) no Festival de San Sebastián 2005, foi dirixido por Terry Gilliam, membro orixinal dos míticos Monty Python. Gilliam está considerado coma un dos directores máis persoais da escena actual grazas a películas coma Brazil, El rey pescador, Doce monos e Miedo y asco en las Vegas (proxectada no Cineclube en 1999).