A Oficina de Voluntariado organiza dous obradoiros no mesmo cuadrimestre debido á demanda
Remata o obradoiro de formación básica de Voluntariado e comeza o de Planificación de actividades de lecer
Tras unha intensa semana de aprendizaxe, remata o obradoiro máis solidario do campus: o de voluntariado. Este primeiro curso, de formación básica dentro dos enmarcados no ámbito do voluntariado, ten como obxectivo dotar aos alumnos das ferramentas xerais para exercer o seu traballo. Despois, será a entidade coa que colaboren a encargada de darlles unha instrucción máis especializada segundo o seu campo de actuación.
Precisamente na primeira sesión, impartida pola responsable da área de Voluntariado e Integración , Gladys Castro, os alumnos reciben as nocións básicas para analizar a realidade e descubrir necesidades sociais así como para responder a elas dun xeito efectivo. Para logralo os piares básicos son a implicación, o compromiso, e sobre todo a motivación pero tamén o coñecemento do marco lexislativo en que se moven.
Unha vez que os asistentes están sensibilizados cos proxectos, é labor dos docentes transmitir as súas vivencias. A profesora Ofelia García, con moitos anos de experiencia coma cooperante internacional foi a encargada de motivar aos alumnos instándoos a reflexionar acerca dun mundo cada vez máis globalizado e no que a brecha norte-sur vai medrando día a día.
Para completar a formación, Irene Sánchez adestrou aos participantes nas habilidades de comunicación e na interrelación a través de estratexias axeitadas para achegarse aos diferentes colectivos e en diferentes situacións.
Unha vez superada toda esta aprendizaxe, os asistentes son oficialmente voluntarios e poden participar en todo tipo de proxectos tanto internos na Universidade de Vigo coma externos en organismos cos que se ten convenio coma por exemplo Unicef, Cáritas, Aspanaex, ou a Cruz Vermella.
A acollida por parte do público foi ,coma sempre, excelente, “este ano temos 24 participantes pero quedou moita xente fóra por falta de prazas” apuntou Gladys Castro, a responsable. Ademais, as 20 horas de duración do obradoiro dan dereito a un crédito de libre elección para os alumnos.
Comeza o obradoiro de Planificación de actividades de lecer
Tal é a demanda que dende a Oficina de Voluntariado organizan un segundo obradoiro no mesmo cuadrimestre, esta vez dedicado á Planificación de actividades de lecer, unha formación moi útil nas ONG para organizar e dinamizar con éxito actividades no ámbito social. Os participantes reciben a instrucción necesaria para recoñecer necesidades dentro dun grupo e levar a cabo a planificación, desenrolo e seguimento dunha actividade de xeito completo dende a documentación administrativa necesaria á motivación nos equipos de traballo.Pero o curso non é só teórico. Os voluntarios complementan a formación aplicándoa a un caso real na asociación Aixiñas con persoas discapacitadas físicas. “A avaliación é moi positiva, a xente nos di que xa era hora de contar cun obradoiro así porque a demanda é moi grande” valorou Gladys, a coordinadora.
O curso será impartido por Millán Brea Castro entre os días 21 e 28 de novembro a partir das 16:00 horas no seminario 4 do pavillón 1.