Un rito máxico na Cova de Santa Mariña, remate do roteiro cultural desta fin de semana
Esta sábado 23 volven os roteiros culturais a terras ourensás cunha proposta diferente. Ademais da etapa correspondente entre a cidade das Burgas e Santa Mariña de Augas Santas, os participantes poderán asistir a un rito máxico na Cova da Santa conducido por bolseiros da Universidade expertos no tema. Grazas á participación do campus de Pontevedra, que este ano se involucrou máis, xa hai inscritas unhas 50 persoas.
“A Igrexa de Santa Mariña é moi bonita, pero o feito de realizar esta outra actividade dentro da Cova, onde aínda se fan rituais pagáns apórtalle un toque diferente á rota” explicou Willy García-Calvo, o organizador.
En canto á dificultade, a etapa está clasificada como media. “O itinerario é bastante chairo, os participantes non van sufrir demasiado. Saímos de Ourense e pasamos por O Cumial, Ponte Noalla e Vendanova ata chegar ao único momento complicado, a subida ao alto de Taboadela antes de rematar en Santa Mariña” comentou.
Saída dende o Pavillón dos Remedios
Xa que o comezo é a propia cidade, o punto de partida non será o campus como é habitual. Os participantes sairán do Pavillón dos Remedios ás 9.00 horas da mañá “para coller xa o camiño ao carón do río Barbaña” explica García-Calvo. Para os alumnos procedentes dos outros campus, o autobús sairá ás 7.45 horas da rúa Areal de Vigo.O tempo estimado en realizar os 20 quilómetros é de cinco horas polo que sobre as 14.00 horas terá rematado a etapa e comezará o rito na cova. Os autobuses de volta cara Ourense sairán de Santa Mariña ás 16.00 horas.
Como en todas as ocasións, dende a organización recomendan levar roupa e calzado axeitados, así como a comida e bebida necesarias para pasar o día.