DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Romanticismo ou teatro de posguerra, primeiro paso para chegar á universidade

3700 estudantes inician en Vigo, Ourense e Pontevedra os exames de selectividade

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 17/06/2009
Duvi
Bastante fácil, doado, non moi complicado son algunhas das valoracións que se escoitaban esta mañá nas diferentes escolas e facultades da Universidade onde fixeron os seus exames de selectividade 3724 estudantes. A primeira proba, Lingua castelá e literatura, serviu para romper o xeo e a tensión que traían acumulada dos últimos días de estudo. A valoración foi positiva e puideron elixir entre o romanticismo ou o teatro español de posguerra, “dúas opcións moi accesibles, sobre todo o romanticismo, que traiamos moi ben preparado porque é un tema que sae a miúdo”, comentaba Cristina Rodríguez, estudante do IES Politécnico de Vigo recen rematado o exame na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Como cada ano a primeira hora foi a máis complicada “pois é cando están máis nerviosos e a tensión pálpase no ambiente”, indicaba Maite Vázquez, profesora de Filosofía que hoxe acompañou aos seus alumnos a realizar as probas. Achegouse ao campus con outra compañeira, Isabel Dans, quen salientou que “levan días así, pero o peor xa pasou”, sinalaba en referencia a que “xa remataron o primeiro exame, que é o máis importante porque é o que marca os nervios, pareceulles fácil e agora están xa moito máis relaxados”.

Preto de 1900 estudantes examináronse no campus de Vigo

No campus de Vigo realizaron as probas preto de 1900 estudantes, repartidos entres a ETS de Enxeñeiros Industriais, o centro galego con máis estudantes matriculados (520) e as facultades de Filoloxía e Tradución (486), Bioloxía (431) e Ciencias Económicas e Empresariais (431).
Pese a levar días revisando os apuntamentos de todo o curso e meses escoitando os profesores sobre o procemento que se sigue nestas probas, non faltaron as anécdotas de última hora. Naír Romero do IES Politécnico de Vigo perdeu o DNI nada máis chegar ao campus “tiven que chamar a miña nai para que me trouxese o libro de familia, veu a toda presa e, ao final, conseguiu atopalo no aparcadoiro da facultade xusto antes de comezar os exames”.
Para Yesica Rodríguez do IES Manuel Antonio é a segunda vez que se presenta a selectivo, despois de ir á convocatoria de setembro do pasado ano, onde quedou a 0,10 para poder entrar na carreira que quería, Enxeñaría Industrial. Agora volve intentalo, curiosamente na escola do campus de Vigo onde lle gustaría estudar, está moi nerviosa pese a que comenta que “semella máis sinxelo en xuño que en setembro”. Para a súa compañeira Estefanía Orge esta é a primeira vez que se presenta pero non está nada nerviosa, todo o contrario, veu moi tranquila porque sabe que “non se xoga nada” xa que ela está segura do que vai facer, un ciclo de secretariado; “se cadra, logo duns anos, e se é que aprobo, igual estudo unha carreira, pero polo do momento non é a miña intención”. É o mesmo caso ca o de Aitor Santome, do IES María Soliño de Cangas, que tamén está decidido a facer un ciclo formativo, neste caso, Imaxe, “pois a min realmente o que me gusta é a fotografía”.
Os estudantes que realizaron as probas no campus de Vigo tiveron tamén a oportunidade de facerse con algúns agasallos que repartiron polos catro centros vinte estudantes das asociacións estudantís Comités e Trabalingua en defensa da lingua galega. Baixo o lema “O futuro da lingua galega está nas vosas mans” distribuíron centos de panfletos co obxectivo de promover a difusión do galego.

Ourense: 984 matriculados divididos entre o campus e A Rúa

Últimos repasos aos apuntamentos, risas nerviosas e miradas expectantes. Este tamén era o ambiente que se respiraba hoxe no campus de Ourense. Ao longo destes tres días son 984 rapaces ourensáns os que se enfrontan aos temidos exames, 872 nas facultades de Dereito, Historia e Ciencias Empresariais e Turismo e 112 no IES Cosme López de A Rúa.
Á primeira hora da mañá os nervios estaban a flor de pel, “estou moi inquieta, levo estudando para este momento máis dun mes”, comentou Tania Vázquez. A outra cara da moeda chegaba case sempre da man dos rapaces, moito máis tranquilos; este é o caso de Luis Losada, “poñerte nervioso non serve de nada, o único que consegues e que che saian peor os exames”, a pesar da súa calma recoñeceu que nas últimas semanas “a biblioteca foi a miña segunda casa”. Para Bruno Nieto a preocupación non viña polo exame en si, senón polo resultado final, xa que quere estudar Comunicación Audiovisual “e a nota de corte desta carreira é bastante elevada”.
Tras a primeira proba a tensión foi diminuíndo e os estudantes estaban de mellor humor. O descanso foi o momento das comparacións: que opción de exame elixiron os seus compañeiros e que responderon en certa pregunta eran as cuestións máis tratadas neses intres. “Xa me estou relaxando”, dixo Verónica López, “penso que este primeiro exame saíume bastante ben, quizás sexa un dos mellores, sen embargo bioloxía será o peor”. Javier Cid, tamén coincidiu en que a proba de lingua española “non foi moi difícil, xa o tíñamos todo visto de clase”.

CC SS e da Comunicación e a EUET Forestal acolleron os estudantes pontevedreses

No campus de Pontevedra realizaron as probas máis de oitocentos estudantes repartidos entre a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (510) e a EUET Forestal (337). Logo da primeira proba os estudantes xa botaron fóra os nervios e apuraron o descanso para dar o último repaso aos apuntamentos do seguinte exame, de Lingua Galega e Literatura. Alba e Lorena, alumnas do IES Sánchez Cantón, afirman que son “das tranquilas e que durmiron ben esta noite”. Coinciden en que “o exame foi bastante fácil, polo menos a opción do teatro na posguerral” que foi pola que as dúas optaron. Pola súa parte, Marta e Raquel, do Chano Piñeiro comentaban as súas repostas sobre o texto de Javier Marías que encabezaba unha das opcións do exame. Mentres Marta ten postas as súas miras en volver en setembro á facultade “para estudar Comunicación Audiovisual ou Publicidade de Relacións Públicas”, Raquel espera poder quitar unha nota que lle permita entrar en Enfermaría.
Laura, Sara, Alba e Aurora, alumnas no CPR Sagrado Corazón, comprobaban a corrección da análise sintáctica dunha frase cando o seu compañeiro Eduardo as asaltou para coñecer “que era iso do perspectivismo en La verdad sobre el caso Savolta”. Logo dos nervios, o principal obstáculo do primeiro día, estes compañeiros de clase coinciden que coas “partes específicas de cada modalidade chegan os exames máis complicados”.