DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Saraiba promociona o teatro con múltiples actividades en Ciencias Experimentais

O ciclo remata o xoves cunha gala parodiando o mundo universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 11/12/2007

Os afeccionados ao teatro teñen esta semana a oportunidade de achegarse a este espectáculo da man do grupo Saraiba que organizou no Edificio de Ciencias Experimentais un improvisado escenario con talleres, obras e mesmo unha gala. O obxectivo: fomentar o teatro entre os estudantes, sobre todo entre os máis novos.
“Estase perdendo a tradición de que cada facultade ou escola teña o seu grupo de teatro. Este ciclo é un modo de chamar a atención e darnos a coñecer dun xeito divertido”, comentaba Elisabet Paül, estudante de Ciencias do Mar e secretaria de Saraiba.
O ciclo iniciouse o luns cun taller de interpretación de soños. Para isto os membros de Saraiba percorreron diferentes puntos do edificio na procura de “soñadores” que atoparon en estudantes pero tamén en profesores. “Aínda que ao principio custaba un pouco animar á xente despois decidíanse. Eles tan só tiñan que contarnos o que soñaran e nós faciamos a interpretación. Fixemos dende un bocadillo, ata arañas xigantes ou o sereno da porta do sol”, comentaba Elisabet.
Tras este taller as representacións continúan co outro grupo do campus de Vigo con máis tradición, Teatro Luna, coa obra “Obsexsiones” –martes a partir das 16.00 horas-, e co grupo Lope de Vigo que, aínda que agora xa son profesionais, tiveron o seu xerme en Saraiba, interpretarán “Lde todos ao inferno” –mércores ás 14.00 horas-.

Unha gala, o prato forte

Para rematar o ciclo, Saraiba ten preparado un prato forte, “unha gala ao estilo Hollywood”, segundo define a secretaria do grupo. Coa parodia do mundo universitario como tema principal, a gala vai contar con presentadores, rexidor, azafatas, invitados, proxeccións e, como non, público, que será o encargado de decidir “o gañador”. “Imos proxectar catro sketchs de arredor de cinco minutos parodiando a vida universitaria, dende coller un Vitrasa pola mañá ata conseguir unha mesa no comedor ao mediodía”, explica Elisabet. “Ademais fixemos tamén tres anuncios, sempre en clave humorística por suposto e haberá un premio final que, evidentemente, vai ser simbólico, pero que será unha boa sorpresa para todos”.
Pasalo ben, coñecer xente,desconectar do día a día das clases e gañar soltura á hora de expresarse en público son, segundo os membros de Saraiba, algunhas das cousas que che aporta o teatro universitario.
Saraiba xurdiu a finais dos noventa na, por entón, Facultade de Ciencias. Hoxe integran o grupo sete membros, estudantes de Bioloxía, Ciencias do Mar, Filoloxía e Económicas. “O pasado curso rematou moita xente e digamos que marcharon os máis veteranos. Agora coa realización deste ciclo esperamos que máis xente se anote e volver a agrandar o grupo”, comentou Elisabet.