DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sinatura dun convenio para a realización dun máster en economía e xestión pesqueira

O secretario xeral de Pesca Marítima destaca a “especial dedicación” da Universidade de Vigo co mundo da pesca

Gago incide na importancia dos másters na profesionalización dos estudantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/11/2007
A colaboración do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Secretaría Xeral de Pesca Marítima, e o FROM, coa Universidade de Vigo, para a realización do Máster en Economía e Xestión Pesqueira e Acuícola, é o obxecto do convenio asinado hoxe polo secretario xeral de Pesca, Juan Carlos Martín Fragueiro e o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago.
A contribución económica do Ministerio a este máster que alcanza a súa segunda edición e está dirixido a titulados e profesionais que desexen especializarse en Economía e Xestións de Pesca, é de 24000 euros, aportados a partes iguais pola Secretaría Xeral de Pesca e o FROM.
O seu responsable, Juan Carlos Martín Fragueiro, xustificou a implicación do Ministerio no máster “por que é un proxecto que se realiza en Vigo que é o berce da pesca, non só a nivel nacional, se non tamén internacional”. Martín Fragueiro manifestou o interese da Secretaría Xeral de Pesca en colaborar con todas as accións formativas de alto nivel, dirixidas aos titulados en Economía para que poidan facer unha especialización no campo da pesca.
O secretario xeral de Pesca que expresou o seu cariño pola Universidade de Vigo, na que lembrou xa estivera no ano 1978 cando se inaugurou o Colexio Universitario, cualificou o labor da institución académica de “fundamental en todo o relativo á formación dos cadros”, asegurando que a de Vigo “está moi especializada en todo o vinculado ao sector marítimo pesqueiro, por motivos obvios, nos só a Facultade de Económicas, senón tamén a de Ciencias do Mar”.

Profesionalización en sectores de interese social

Pola súa banda o reitor, Alberto Gago expresou a importancia que para a Universidade de Vigo ten este convenio por que vai na liña dixo, que “estamos tratando de promover para a reforma da oferta educativa das universidades españolas”. Para Gago os másters deben perseguir a profesionalización dos estudantes en sectores de interese social de xeito que trasladado a Vigo, asegurou que “ningún dubidaría que a Universidade debería ter na súa oferta un máster en automoción, outro en ciencias mariñas e outro en recursos pesqueiros. E se non, mal o estaríamos facendo”.O reitor , ademais, demandou a participación de institucións e empresas nesta oferta formativa de xeito que “veñan a trasladarnos os seus coñecementos”.
Gago tamén gabou o traballo desenvolvido polos responsables do master en Economía e Xestión da Pesca, María Dolores Garza e Manuel Baena , por que “sempre creron nesta maneira de interaccionar co medio produtivo” e agradeceu a aposta do Ministerio e do FROM por esta iniciativa.