DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa colaboración da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo

Un seminario pon a nova normativa de edificación a disposición dos estudantes

Do 18 de febreiro ao 4 de marzo na ETS de Enxeñeiros Industriais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 13/02/2008
“A idea é facilitar a entrada dos alumnos no mercado laboral a través do coñecemento dun código que vai ser case como a Biblia para aqueles que se dediquen profesionalmente a actividades vinculadas ao sector da edificación”. Así define Bernardo Parajó Calvo, profesor do Departamento de Enxeñería Eléctrica e director da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI), o obxectivo do curso que, baixo o título Aplicación do Documento básico Habitabilidade-Enerxía no Código Técnico da Edificación, se desenvolverá do 18 de febreiro ao 4 de marzo na ETS de Enxeñeiros Industriais. Trátase dun seminario que “xurde como resposta a unha importante demanda do alumnado, que ve neste Código á súa ferramenta de traballo no futuro”, apunta Parajó.
Por tratarse dun curso técnico cun contido multidisciplinar, as cincuenta prazas que se ofertan están dirixidas tanto a enxeñeiros industriais como de telecomunicacións e de minas, especialmente na rama de enerxía. A súa duración é de 30 horas e ten un custo de 124 euros por alumno.

Colaboración da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo

A parte da motivación para sacar adiante o curso, a FAIMEVI colabora coa ETS de Enxeñeiros Industriais e con Ignacio Armesto, organizador do seminario, a través dunha convocatoria de bolsas para alumnos. Deste xeito, “no marco do convenio subscrito coa Escola outorgamos a 39 estudantes unha axuda económica de 40€ para reducir os custes da matrícula no curso” tal como apunta Parajó.
Ademais desde a FAIMEVI faise unha achega profesional para a docencia. O propio Bernardo Parajó será o encargado de impartir os contidos dos módulos de introdución á política enerxética europea, que é de onde deriva o Código Técnico, e de eficiencia das instalacións de iluminación. Por outra banda, “a sección sobre limitación da demanda enerxética correrá a cargo do profesor José Luis García Angulo, a parte de contribución solar para a auga quente e sanitaria será impartida por Ana Albo e, por último, a profesora Elena Albo centrará a súa exposición na contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica”.

O Código Técnico da Edificación

O Código Técnico da Edificación é a transposición dunha directiva europea sobre o comportamento enerxético dos edificios que, no estado español, entrou en vigor en marzo de 2006 e que ten por obxectivo reducir a demanda enerxética das construcións.
“Esta normativa desenvolve os requisitos de habitabilidade e de seguridade, e dentro dos primeiros está o referido á enerxía, que é o que imos tratar neste curso”, afirma Parajó, que engade que “este documento contén directrices que afectan á envolta térmica, ao illamento, á eficiencia dos dispositivos de iluminación, calefacción e climatización, e ademais regula a obrigatoriedade da contribución das enerxías renovables, especialmente a solar, nas novas edificacións e rehabilitacións. Isto fai que para o sector da enxeñería sexa un novo núcleo de actividade profesional moi interesante no que os nosos alumnos deberían estar preparados e ao día”.