DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes agarda a participación de 500 atletas nos 10 km Cidade Universitaria

O corredor Elías Domínguez probou este xoves o circuíto da carreira

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 13/03/2008
Se a estrea dos 10 Km Cidade Universitaria resultou un éxito, esta segunda edición da carreira pedrestre semella que non vai ser menos. O pasado ano déronse cita no campus 340 atletas e a organización agarda que o vindeiro 30 de marzo se acheguen ao campus arredor de 500 corredores. Desta volta, o percorrido vai se un pouco máis chan e cun índice de dificultade un pouco menor, polo que se abre a participación a todos os públicos. Outra das importantes novidades desta edición, que terá consideración de Campionato de Carreira en Ruta da Universidade de Vigo, é que inclúe o control individual do tempo por carreira mediante un chip.
Precisamente para probar este circuíto, o atleta Elías Domínguez realizou este xoves un volta polos 10 quilómetros do percorrido, que ten a saída na zona de aparcamento próxima ás pistas deportivas e a meta ao carón da praza Miralles. Subcampión de España de Maratón en 2008 e campión galegos en diferentes modalidades nos últimos anos, Elías percorreu acompañado por membros do Servizo de Deportes parte do itinerario da proba para poder testar así o perfil do circuíto. Organizada polo Servizo de Deportes en colaboración coa delegación en Vigo da Federación Galega de Atletismo e o Comesaña Sporting Club, esta proba ten como finalidade dinamizar as instalacións deportivas do campus e potenciar a práctica habitual da carreira a pé como un medio de mellorar a saúde. Coa continuidade que lle outorga esta segunda edición, o obxectivo final da carreira é converterse nunha referencia neste tipo de probas para o que nesta edición, segundo os datos da organización, se vai contar con preto de 500 atletas.
O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 25 de marzo e debe formalizarse a través da web www.championchipnorte.com. O prezo de matrícula para os membros da comunidade universitaria é de 3 euros e para o resto dos participantes de 5 euros.

Seis categorías e tres voltas

A estrutura da carreira comprende seis categorías: júnior, promesa, sénior, veteranos A, veteranos B e universitarios. A competición consistirá nunha cola de saída de 123 metros, unha volta a circuíto de 661 metros e dúas voltas a outro circuíto de 4563 m. O control e dirección da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Delegación da Federación Galega de Atletismo en Vigo.
No que se refire aos premios, os tres primeiros clasificados en cada categoría recibirán 400, 300 e 200 euros respectivamente. Porén, todos os participantes recibirán o agasallo dunha camiseta conmemorativa ao tempo que tamén se sortearán lotes de material deportivo.
A acreditación e a entrega dos dorsais terá lugar na secretaría que se instalará na praza Miralles entre as 9.30 h e as 11.30 h. A saída darase ás 12.00 e a entrega de premios realizarase a partir das 13.30 h.