DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes ofrece aos seus usuarios múltiples opcións para pórse en forma

Por 60€ trimestrais pode accederse a varios programas e servizos

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 18/12/2007

Mellorar a calidade de vida con exercicios de mantemento dunha condición física saudable que permitan controlar o peso corporal, tonificar os músculos e mellorar a imaxe en xeral é posible grazas aos programas da Área de Deporte e Saúde, que xa conta cunha importante experiencia trala súa posta en funcionamento en maio do 2005.
O obxectivo dos proxectos En Boa Forma, dedicado ao exercicio na sala de cardio-fitness e A Correr, centrado na carreira a pé, é “motivar aos membros da comunidade universitaria a incorporar a práctica deportiva como hábito do seu estilo de vida”, tal como comenta Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, quen engade que “o programa En Boa Forma é o que conta cun maior número de inscritos por ser os máis xeneralista”.
Coa finalidade de garantir os principios de seguridade e eficiencia, tres licenciados en Educación Física e un doutor especialista en Medicina Deportiva ocuparanse de guiar, apoiar e facer un seguimento das actividades realizadas polos que tomen parte nesta iniciativa.
Por outra banda, os que gocen dunha boa saúde e teñan coñecementos sobre o exercicio físico poden xestionar por si mesmos os adestramentos, dispondo de acceso libre á sala de musculación coa presentación da tarxeta deportiva universitaria.
O programa, que no curso actual conta con máis de setenta participantes, é trimestral, ten un custo de sesenta euros e ofrece importantes beneficios para os usuarios, xa que tal como nos comenta Miguel Ángel Nombela, director da área de Estudantes e Deportes e, ao tempo, un dos veteranos deste programa, “a experiencia é moi positiva, nun ano perdín once quilos e cada día atópome máis áxil, incluso me reduciu os ataques de gota”.