DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa presenza da conselleira de Política Territorial

A simulación teatral dun accidente trata de concienciar aos mozos dos riscos ao volante

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 27/11/2007

Coa obxectivo de concienciar á poboación máis nova do perigo e das consecuencias dos accidentes de tráfico desenvolveuse no campus de Vigo e Pontevedra sendos Road Show, unha iniciativa impulsada polas fundacións ESLEME, IRSA e Solidaridad Carrefour en colaboración coa Consellería de Política Territorial. “Esta campaña nace da necesidade de reducir a sinistralidade vial, que é a causa máis importante de mortaldade entre os menores de trinta anos”, tal como afirmou Juan Gutiérez, portavoz de ESLEME, durante a presentación deste proxecto na Facultade de Filoloxía e Tradución.
“A pretensión final é lograr un descenso de accidentes baseado na educación”, tal como afirmou José Luís Martín, representante de IRSA, quen engadiu que o éxito da campaña Road Show, importada de Holanda e que xa leva tres anos funcionando en España, reside no “cambio substancial da mensaxe transmitida, que deixa de ser o típico consello para presentar a experiencia dos accidentados ou dos que participan na atención aos sinistrados”. Deste xeito, a través da simulación teatral dun accidente de tráfico esperan lograr unha maior sensibilización que cos métodos tradicionais.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Territorial, Luís Vázquez Rodríguez, sinalou o “alto grao de implicación da Xunta de Galicia na mellora das infraestruturas e no cambio cultural para crear unha conduta responsable”, tal como el mesmo afirmou, facendo referencia ao “primeiro plan de seguridade vial galego”, posto en marcha nos últimos meses.

Road Show

Como mostra do compromiso da Consellería de Política Territorial con este proxecto, a súa titular María Xosé Caride acudiu á Facultade de Filoloxía e Tradución para coñecer de primeira man o contido da simulación teatral que estes días está a percorrer Galicia.
Esta obra reproduce as situacións dun accidente de tráfico nunha noite de festa a través dos testemuños dos seus protagonistas: un pinchadiscos, un bombeiro, un policía, un médico e unha persoa accidentada, que aínda que en cadeira de rodas, pode relatar a súa experiencia para sensibilizar aos mozos e tratar de evitar que esta representación se traslade á realidade.