DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico organiza os días 8 e 15 de xuño un Taller de Ioga da Risa

A sorrir tamén se aprende

30 membros da comunidade universitaria participan na formación

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 08/06/2017

"Do que se trata neste taller de ioga da risa é de sacar o neno que levamos dentro". Deste xeito resume José Luís Alves Montesino, monitor en técnicas de risoterapia e líder certificado en ioga da risa, o obxectivo do obradoiro que este xoves arrancou no campus de Ourense centrado nesta técnica. Ao longo de dúas sesións, as persoas inscritas afondarán dun xeito práctico e lúdico en como xogando co sorriso e coa respiración poden mellorar o seu benestar persoal, e polo tanto o das persoas que os rodean. Sorrir, sinalan os promotores da iniciativa, é gratis, non fai falla motivos para facelo e os beneficios que reporta a quen o practica son moitos.

30 membros da comunidade universitaria, principalmente alumnado pero tamén persoal docente e investigador, participan nunha iniciativa organizada polo Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense no marco da súa programación anual. A formación, que leva por nome Taller de Ioga da Risa, desenvolveuse esta mañá na ludoteca universitaria ourensá e terá unha segunda sesión o día 15 de xuño. “Tendo en conta que estamos en época de exames escollemos adrede estas datas para a realización dun taller que xa tiñamos ganas de facer hai tempo”, sinala Isabel Ferreiro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus.

Do xogo á relaxación

Ao longo das sesións, que teñen un carácter fundamentalmente práctico e aplicado, as persoas inscritas familiarízanse coas características do ioga da risa, que segundo explicou Alves Montesino é unha técnica que combina exercicios de risoterapia e de ioga e que foi creada polo doutor Madan Kataria, un médico indio, no ano 1995, tras descubrir os beneficios curativos da risa e a respiración. "É unha dinámica na que non se busca a comedia, do que se trata é de sacar o neno que levamos dentro, o sorriso que temos escondido”, apunta o monitor da actividade. Para acadar este obxectivo, detalla, principalmente ao longo da primeira sesión do obradoiro empréganse dinámicas de movemento, xogo expresivo, “intentado que a xente pase de usar o seu hemisferio cerebral esquerdo ao dereito”. Porén, o ioga da risa non só recolle elementos da risoterapia, senón tamén do ioga, algo que se traduce no traballo da respiración, a relaxación e a concentración, aspectos que no obradoiro que arrancou este xoves se tocarán fundamentalmente na segunda e última sesión, a do día 15 de xuño.

Ao remate do obradoiro, apunta o seu monitor, a intención é que os participantes coñezan certas técnicas que poden aplicar na súa vida cotiá dun xeito sinxelo e que poden repercutir nunha mellor da súa calidade de vida xa que, subliña, o ioga da risa “presenta numerosos beneficios”. Entre eles, os organizadores da cita sinalan que reduce o estrés, aumenta a capacidade pulmonar, alivia a tensión, mellora o humor, aumenta as habilidades sociais e facilita a comunicación, eliminando bloqueos emocionais e físicos, e mellora a autoestima.

O taller, que se imparte por primeira vez dentro da programación anual do Gabinete Psicopedagóxico do campus, espertou moi interese desde a súa convocatoria, estando esgotadas as súas prazas ao pouco tempo de abrirse a matrícula. “Á xente gústalle probar novas técnicas, facer cousas novas que lle poidan dar bos resultados de cara a mellorar determinados aspectos da súa vida e das súas competencias”, indica por último Isabel Ferreiro.